Os populares demandan cambiar o sistema de elección de prazas MIR e actualizar o de acreditación de prazas, así como a creación da especialidade de Urxencias
A secretaria dos populares galegos, Paula Prado, pediu ao “impasible” Goberno central que considere a Atención Primaria unha prioridade, como xa o é para a Xunta e para o PPdeG, e demandou tres cuestións fundamentais: cambiar o sistema de elección de prazas MIR, actualizar o sistema de acreditación de prazas e crear a especialidade de Urxencias.
Tras unha xuntanza con membros da Comisión de Sanidade do partido, Prado reclamou ao Executivo de España que abandone “a folga de brazos caídos e asuma as poucas competencias que mantén o Ministerio en materia sanitaria”, solicitando tamén a Valentín González Formoso e a Ana Pontón que deixen de criticar a nosa Sanidade pública, que pensen en Galicia e que apoien as súas demandas.
Así, despois de incidir na necesidade de cambiar o sistema de elección de prazas MIR para que non queden outra vez moitas sen cubrir, remarcou a importancia de actualizar o sistema de acreditación de prazas: “Se o Goberno do Estado tivese vontade, en Galicia poderíamos estar formando 64 médicos máis para incorporalos canto antes ao sistema. Xa perdemos este ano sen 64 profesionais en formación máis pagados integramente pola Xunta, ao igual que as demais prazas MIR”. Igualmente, explicou que outra das peticións máis importantes é a da creación da especialidade de Urxencias para que todas as prazas formativas de Medicina de Familia sexan ocupadas por residentes que queren traballar na Atención Primaria.
UN PROBLEMA ESTATAL
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, a número dous dos populares galegos remarcou que o problema da Sanidade na Comunidade é o mesmo que ten o resto de España, ao haber un déficit de profesionais sobre todo en Atención Primaria.
Nese senso, subliñou que Galicia dedica 100 millóns de euros máis a persoal de Primaria que cando o BNG e o PSOE gobernaban: “Se fose un problema de cartos estaría xa solucionado porque ningún Goberno destinou nunca máis orzamento ao persoal de Atención Primaria que este”. De feito, lembrou que o Sergas ten publicada na súa web a listaxe de médicos dispoñibles en Primaria, sendo cero en todas as áreas sanitarias.
|
GALICIA TOMA MEDIDAS
Paula Pardo contrapuxo a “inacción” e as “mentiras” dos partidos da oposición coa postura adoptada polo Executivo autonómico, que leva anos tomando medidas de reorganización e transformación como o sistema de xestión da demanda XIDE, iniciativas de mellora da accesibilidade aos centros de saúde como o CRM100, a implantación de axendas de calidade, a publicación de carteiras de servizos ou a instrución que permite ao persoal de Primaria pedir calquera proba médica.
En materia de persoal, destacou que o PPdeG levou na Lei de acompañamento dos orzamentos a creación dunha nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria e que, tamén a través dunha emenda dos populares, se permitiu acceder a esta oferta a través dun concurso de méritos, “un feito pioneiro en España”. Ademais, recordou que se convocaron 106 prazas nesta categoría para cubrir vacantes de difícil cobertura e solucionar problemas en territorios como o Baixo Miño ou a Mariña lucense: “Son médicos que chegarán a eses concellos sen o apoio do PSOE e do BNG, que se opuxeron a que esta medida se implantase. Para o PP é unha prioridade, pero non o é para o PSOE ou o BNG, para os que a súa prioridade é enlamar en lugar de traballar a favor dos intereses dos galegos”.
“Mentres o Goberno galego toma todas as medidas posibles, o Goberno central non acaba de reaccionar e non atende as demandas que lle formulan as Comunidades Autónomas, tampouco as das que eles mesmos gobernan. Ante o clamor nacional eles permanecen impasibles”, lamentou.