Santiago, 27 de xuño de 2022.- O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno desta semana “celeridade para dar solución ao grave problema para a comunicación de Galicia coa Meseta por estrada que supuxo o colapso e peche á circulación do viaduto do Castro, na Autovía do Noroeste”, sinalou o viceportavoz popular, Alberto Pazos.
Neste sentido, subliñou que a Xunta “xa puxo a disposición do Goberno de Pedro Sánchez tres alternativas que permitirían o paso dos transportes especiais e evitar o paso polo núcleo de Pedrafita”.
A través dunha proposición no de lei, o Grupo Popular pide ao Goberno central que concrete as previsións sobre os traballos de reparación do viaduto afectado, así como das iniciativas dirixidas a revisar, inspeccionar e garantir a seguridade e funcionalidade de todos os viadutos da Autovía do Noroeste. Así mesmo, solicítase que ofreza información de xeito continuo e coa máxima transparencia para manter ao tanto das novidades aos cidadáns, aos concellos e á propia Xunta de Galicia, co obxectivo de evitar posibles especulacións e desconfianzas.
Alberto Pazos salientou “a axilidade e disposición” do Goberno galego para presentar tres propostas de actuación para mellorar a circulación pola zona. Así, considerou como “máis idónea” a construción dun ramal entre a N-VI e a A-6, que permite volver á autovía antes dos túneles de Pedrafita tras pasar o viaduto do Castro, o que reduce o treito de tránsito pola nacional, aínda que tamén citou a posibilidade de executar unha variante que evitaría atravesar o núcleo de Pedrafita ou habilitar dobre sentido de circulación no ramal de saída da A-6 en dirección Galicia, de modo que os vehículos se incorporen á autovía antes dos túneles de Pedrafita.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central rectifique o disposto na Lei de residuos estatal ampliando o prazo, fixado para o vindeiro xoves, 30 de xuño, que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos, isto é, a extensión por todo o municipio do contedor marrón.
“O Goberno central decidiu de xeito unilateral reducir o prazo establecido na directiva europea, decembro de 2023, a través da lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular e fixalo no 30 de xuño”, indicou o viceportavoz popular. Así, afirmou que esta decisión afecta en Galicia a 113 concellos de máis de 5.000 habitantes, que deben acelerar un proceso que leva meses implantar, coa imposibilidade de cumprir os prazos fixados pola lei.
COMPARECENCIA DE POLÍTICA SOCIAL E TEXTOS LEXISLATIVOS
O Pleno inclúe, ademais, a comparecencia da conselleira de Política Social, coa que se pecha a primeira parte do plan de traballo da Comisión non permanente para o seguimento das políticas de discapacidade. A partir de agora, queda pendente a elaboración da ponencia coas novas propostas de integración dirixidas a este colectivo social. Neste sentido, Pazos agradeceu “o ton construtivo e a vontade de acordo amosado por todos os grupos ata o momento” e avogou porque esa vontade se manteña nos traballos que restan ata a elaboración das conclusións.
Por último, na sesión plenaria tamén se procederá ao debate de aprobación do ditame do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, así como a toma en consideración do proxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia.
Por outra banda, Alberto Pazos informou que no día de hoxe iniciouse o procedemento para a cobertura das prazas vacantes tanto no Consello de Contas como no Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, un procedemento acordado entre os tres grupos parlamentarios, aínda que unicamente afecta aos grupos Popular e Socialista.
No caso do Consello de Contas, o escrito rexistrado conxuntamente polo Grupo Popular e o Grupo Socialista solicita o inicio do procedemento para a cobertura das vacantes, por esgotamento do mandato, dos conselleiros Constantino Carreiras Souto e Simón Rego Vilar. No caso da CRTVG, procederase ao inicio do procedemento para a cobertura das vacantes deixadas por Luis de la Matta e Higinio Meijide Gómez. O prazo para a presentación de candidaturas para os dous procedementos rematará o vindeiro mércores, 29 de xuño.
NOVA EQUIVOCACIÓN DO GOBERNO CENTRAL
Por último, Alberto Pazos falou do plan de choque aprobado polo Goberno central o pasado sábado, “do que nos felicitamos a pesar de que estas medidas cheguen tarde e sexa insuficientes”. Neste sentido, lembrou a negativa do Goberno de Pedro Sánchez a aceptar as propostas feitas desde a Xunta e o PP para baixar o IVE da luz ou conceder axudas ás familias con menos recursos. “Agora, viuse obrigado a adoptar estas decisións logo do varapau sufrido nas eleccións de Andalucía”, dixo.
Porén, o viceportavoz popular lamentou que o Goberno central “volve equivocarse ao non asumir por completo o plan remitido polo Presidente Feijóo”, que inclúe outras medidas como axustar o IRPF a rendas medias e baixas, mentres ten a recadación en máximos históricos; reducir o gasto do Goberno máis caro da historia; mellorar e facer máis transparente a distribución dos fondos europeos para que cheguen aos seus destinatarios; ou suspender o imposto de hidrocarburos, conseguindo dese xeito baixar o prezo da gasolina.
Pazos considerou “paradóxico” que os socialistas galegos pidan á Xunta dedicar a parte que recibe deste imposto para axudas, mentres se esquecen de solicitar ao seu Goberno central que suspenda este imposto para baixar o prezo dos carburantes. Así mesmo, lembrou que “os cartos que reciben os galegos dese exceso de recadación polo imposto de hidrocarburos non chegarán ata dentro de dous anos, polo que os socialistas galegos queren que a Xunta tire dos seus fondos e adiante uns cartos que non terá ata dentro de dous anos, cando o que realmente se está beneficiando dese exceso de recadación é o Goberno de Pedro Sánchez”.