Santiago, 28 de xuño de 2022.- O proxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia continuará a súa tramitación no Parlamento galego logo de que se rexeitara a emenda á totalidade presentada polo BNG. “Esta lei responde a unha necesidade acuciante de asegurar a implantación en Galicia de empresas e evitar a deslocalización”, sinalou a viceportavoz popular, Marta Nóvoa, quen incidiu na necesidade de dotar de “instrumentos máis flexibles que permitan a adaptación ás necesidades cambiantes do tempo”.
Marta Nóvoa lamentou “a oposición frontal do BNG a esta nova lei de áreas empresariais, mostra unha vez máis que rexeita calquera iniciativa que supoña facilitar ou impulsar a actividade industrial en Galicia”.
FROITO DA DIAGNOSE DA SITUACIÓN
Así, explicou que esta lei, “ademais de pioneira, contribúe a ensalzar o obxectivo de combinar o respecto ao desenvolvemento territorial sustentable co fomento da actividade económica de Galicia”. En concreto, sinalou que a finalidade desta lei é simplificar e flexibilizar os procedementos de ordenación e execución de solo empresarial, para adaptar a oferta de solo, ás necesidades das empresas; axilizar os trámites para a aprobación dos instrumentos necesarios para a súa implantación; xerar o marco regulatorio adecuado, para aproveitar as novas oportunidades de desenvolvemento empresarial; e fomentar a creación de reservas estratéxicas de solo que permitan, en prazos máis breves, a implantación de iniciativas empresariais.
“Ademais, e atendendo unha demanda realizada polos propios empresarios, créanse entidades para a conservación, xestión e modernización de áreas empresariais urbanas constituídas polos propietarios das parcelas que, con autorización e achegas económicas do concello, velarán pola conservación das infraestruturas, dotacións e servizos do ámbito”, engadiu.
Marta Nóvoa afirmou que “o contido desta lei reflicte a diagnose feita pola Xunta da situación das áreas empresariais en Galicia e en base ás experiencias aprendidas da aplicación doutros textos lexislativos, como a Lei de ordenación do territorio de Galicia, a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia e a Lei de ordenación do territorio de Galicia”.
NOVOS INSTRUMENTOS
Respecto do contido concreto da nova lei, a viceportavoz popular salientou a creación dun novo instrumento de ordenación do territorio: o plan estruturante de ordenación do solo empresarial, “co fin de adaptar a execución das fases dunha área empresarial ás necesidades da demanda, dunha forma áxil e flexible”. “A idea é que o prazo de aprobación dun proxecto de urbanización dun ámbito para adaptarse á demanda de solo pase de 21 meses a só 9 meses coa nova lei”, dixo.
Así mesmo, Nóvoa manifestou que a nova lei regula diversas entidades para a conservación, xestión e modernización dos parques empresariais. Así, indicou que, con carácter xeral, o mantemento e a conservación das infraestruturas, equipamentos e dotación das áreas empresariais corresponden ao concello desde a recepción das obras de urbanización.
Porén, la lei proponse a creación de entidades urbanísticas de conservación das áreas empresariais, situadas en concellos que carezan de recursos suficientes para o mantemento da urbanización; e de entidades de conservación, xestión e modernización constituídas polos propietarios das parcelas, que, con autorización e achegas económicas dos concellos, se ocuparán do mantemento e conservación da área empresarial.
“A lei non suprime un só trámite de información pública, un só informe sectorial nin un só trámite de audiencia ás administracións afectadas”, asegurou a viceportavoz popular, quen apuntou que “trata exclusivamente de eliminar a redundancia de informes e reducir o tempo de tramitación para garantir a axilidade necesaria que nos faga ser máis competitivos”.
Marta Nóvoa rematou subliñando que “os concellos seguirán mantendo a mesma capacidade de aprobar os instrumentos de desenvolvemento dos proxectos sectoriais que tiñan anteriormente, reservando unicamente a competencia ao Consello do Goberno galego ou ao IGVS para a aprobación destes instrumentos cando a propia Xunta ou outra administración de carácter supramunicipal sexa a promotora da actuación”.