A secretaria xeral, Paula Prado, reuniuse con representantes dos populares galegos nas Cortes Xerais e no Parlamento Europeo
O PPdeG urxe ao Goberno central a escoitar o que reclaman as Comunidades e solucionar o déficit de especialistas de medicina de familia. Así o manifestaba a deputada nacional e portavoz adxunta do GPP no Congreso, Marta González, antes dunha xuntanza de coordinación na que participaron representantes dos populares galegos nas Cortes Xerais, o eurodeputado, Francisco Millán Mon, e a secretaria xeral, Paula Prado.
En declaracións aos medios de comunicación, González destacou dúas das propostas de resolución impulsadas polo PP e aprobadas no pasado Debate sobre o Estado da Nación, concretamente as relacionadas coa Sanidade e co transporte público: “Son un verdadeiro éxito do noso Grupo Parlamentario que, estando en minoría, conseguiu os votos necesarios para ser atendidas polo Goberno central”.
En materia sanitaria, lembrou que se referendaron as petición realizadas no marco do manifesto impulsado desde Galicia e o País Vasco, e que foi apoiado por outras cinco Comunidades —que representan entre todas o 67% da poboación española—: “O Obxectivo é que o Ministerio de Sanidade teña que asumir o que lle piden as Comunidades nun tema tan fundamental como este. Trátase de atender a saúde de todos os galegos e as galegas”.
Cómpre sinalar que a proposta recollía seis medidas —garantir que o sistema de elección de prazas MIR non deixe prazas desertas, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias con tramitación preferente, a reforma da formación especializada en Medicina de Familia, unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR para Primaria, un rexistro estatal de profesionais sanitarios e facilitar o desenvolvemento de competencias do médico de Atención Primaria— que foron apoiadas por sete gobernos autonómicos e agora tamén contan co apoio dunha decena de grupos parlamentarios.
RESPONDER ÁS NECESIDADES DE GALICIA
Como resaltou Marta González, outra das propostas de resolución aprobadas foi á relativa ao mapa de concesións estatal de autobús: “Entendemos que non está axeitado á realidade galega e non responde ás necesidades de territorios con problema de despoboamento como é o noso”.
Ante esta situación, apuntou que os populares buscan que se desbote esta proposta e se faga unha que si se adecúe ao que necesita Galicia, explicando que nunha Comunidade como a nosa, que non está axeitadamente estruturada dende o punto de vista ferroviario, é preciso o bo funcionamento do servizo de transporte por autobús.
Pola súa parte, Paula Prado afirmou que agarda que o presidente do Executivo central faga caso a estas propostas, lamentando que a semana pasada “asistimos ao Debate sobre o Estado da Nación de Sánchez, que non atende aos problemas reais da cidadanía”. “A Sanidade e o transporte son unha prioridade e seguiremos reivindicando que o Goberno central atenda a Galicia e non se esqueza dela”, sentenciou.