Inaugurou o curso político xunto a Alberto Núñez Feijóo en Cerdedo-Cotobade
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que os populares “recollerán os froitos” de todo o esforzo demostrado polos candidatos ás Alcaldías e impulsarán neste curso político o seu poder municipal. Por iso, animou a seguir traballando desde “a responsabilidade, a coherencia e sinceridade” para acadar a confianza da xente.
Así se expresaba no acto de inicio de curso político celebrado en Cerdedo-Cotobade no que, acompañado de Alberto Núñez Feijóo e ante preto de 1.500 asistentes, agradeceu a xenerosidade e o enorme traballo dos candidatos do PPdeG e dos seus equipos ás eleccións municipais, conscientes de que deben gañar o vindeiro 28 de maio coa maioría suficiente para poder gobernar os seus concellos.
OS RETOS DE GALICIA
O líder dos populares galegos tamén se referiu aos complicados retos que ten por diante a Comunidade, “cun Goberno central que, por acción ou por omisión, non está a favor de Galicia”. Ante esta situación, fixo fincapé no “sentidiño” co que se gobernou a Xunta nos últimos anos e que permite que hoxe podamos enfrontar en mellores condicións o difícil contexto actual.
Nese senso, avanzou que o Executivo autonómico seguirá a súa senda “aprobando uns Orzamentos responsables, aproveitando o maior teito de gasto da historia da Comunidade e atendendo aos que máis nos necesiten”. Sobre isto último, remarcou que a Xunta actualizará as axudas sociais para combater a inflación e lembrou que, en setembro, comezará a gratuidade das escolas infantís para todos os galegos: “Máis de 50 millóns de euros en axudas sociais dedicadas directamente a favorecer a conciliación”.
Tras subliñar que a Comunidade manterá as taxas universitarias máis accesibles de España, Rueda tamén afirmou que Galicia continuará baixando impostos ás rendas máis baixas e que consolidará as rebaixas fiscais aos empresarios e aos autónomos, que son “vilipendiados pola ministra de Traballo” malia ser colectivos que crean riqueza.
Non obstante, recoñeceu que “seguiremos reclamando con forza que se cumpra con nós”, manifestando que Galicia continuará esixindo máis prazas MIR e maior implicación do Executivo central para solucionar os problemas da Atención Primaria, predisposición para atender cos fondos europeos as necesidades de financiamento de proxectos como o de Altri en Palas de Rei ou o de Stellantis en Vigo ou a chegada de infraestruturas fundamentais como os trens Avril para que a alta velocidade sexa unha realidade en toda a Comunidade tras unha inxustificable demora.
“Necesitamos un Goberno central responsable”, apuntou explicando que o único líder capaz de proporcionalo é Alberto Núñez Feijóo, referente de unidade e consenso. “España é forte cando está unida”, insistiu mentres poñía en valor a “xenerosidade e a valentía” do presidente do Partido Popular.
UNHA TRANSICIÓN MODÉLICA
Durante a súa intervención, Rueda tamén agradeceu a todos os membros do PPdeG a “exemplar e modélica” transición que viviron os populares galegos nos últimos meses, resaltando o apoio recibido polos catro presidentes provinciais e destacando a “dedicación” demostrada pola secretaria xeral, Paula Prado: “O partido estivo á altura das circunstancias cando máis se precisaba”.
Igualmente, fronte a unha oposición instalada na crítica constante, aclarou que o Partido Popular de Galicia non vai perder o tempo en liortas internas e que vai continuar o labor que no seu día comezou Xerardo Fernández Albor, Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo.