Santiago, 29 de setembro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ás deputacións de A Coruña e Lugo que, no exercicio das súas competencias legalmente atribuídas, renoven o convenio para dar continuidade aos Grupos de Emerxencia Municipal (GES) das súas provincias, garantindo así a prestación dun servizo esencial para os veciños.
A deputada popular Ana Belén García Vidal lembrou que a lexislación vixente establece que a atención das emerxencias é unha competencia de carácter local, que corresponde ás deputacións provinciais naqueles municipios de menos de 20.000 habitantes. “A pesar desta situación, a Xunta amosou sempre a súa disposición a colaborar, asumindo máis da metade do financiamento dos GES, o que supuxo un investimento de máis de 40 millóns de euros desde o ano 2013”, engadiu.
COMPROMISO DE COLABORACIÓN
García Vidal explicou que a Xunta reafirmou o seu compromiso para seguir colaborando no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais e aposta por darlle continuidade aos GES, que complementan a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais, xunto cos parques de bombeiros municipais e os parques de bombeiros comarcais, de forma que cobren zonas nas que os tempos de resposta dos parques de bombeiros son superiores aos 20 minutos, cun ámbito de actuación superior ao municipal.
Para concretar este apoio no ano 2021, a Xunta propuxo ás deputacións provinciais e á Fegamp unha serie de medidas para mellorar o funcionamento dos GES, incrementando o financiamento e completando o cadro de persoal daqueles grupos de emerxencias que contan con dúas bases e menos de 12 persoas en cada base. “Porén, estas melloras só se materializaron na provincia de Ourense, xa que as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra manifestaron non estar dispostas a aportar o 40 por cento de cofinanciamento necesario para levar a cabo ditas melloras”, lamentou.
Á ESPERA DE RESPOSTA
Diante desta situación, a Xunta volveu dirixirse ás deputacións de A Coruña e Lugo para renovar o seu ofrecemento, “non só para seguir colaborando co mantemento dos GES, senón tamén para levar a cabo as melloras formuladas no seu día, que supoñen un incremento de 40.000 euros o financiamento de cada GES, ata chegar aos 320.000 euros”.
“A data de hoxe, a Xunta aínda non ten resposta das deputacións de A Coruña e Lugo, o que está a xerar unha situación moi grave de incerteza para os municipios, especialmente para os concellos sede dos GES, pero tamén para aqueles que reciben o servizo e para a propia cidadanía”, sinalou a deputada popular.
Esta situación é especialmente grave no caso da provincia de Lugo, onde, tralas renuncias de Fonsagrada e Becerreá a ser sede dos GES, a Deputación de Lugo como competente na prestación do servizo non deu ningún paso para garantir a prestación dun servizo de calidade aos concellos da montaña oriental de Lugo, logo de terlle remitido dende a Xunta as isocronas de intervención no mes de febreiro do presente ano.