Santiago, 18 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central o cumprimento do cofinanciamento do 50 por cento da Lei de dependencia, tendo especialmente en conta o desequilibrio acumulado desde a aprobación desta normativa en 2006.
Así mesmo, pídese que renuncie á imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan o incremento de custes na prestación de servicios públicos de carácter social, en tanto non se alcancen os niveis de cofinanciación previstos na Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
O viceportavoz popular, Alberto Pazos, criticou que “Pedro Sánchez fachandea por segundo ano consecutivo dos orzamentos máis altos da historia de España, pero nin os maiores ingresos que nunca tivo un Presidente son suficientes para que o goberno de PSOE e Podemos cumpra a súa promesa de financiar ao 50 por cento a Lei de dependencia”.
“Esta falta de compromiso impide dous obxectivos esenciais en Galicia: incorporar á totalidade das persoas con dependencia e aumentar a contía das prestacións”, manifestou Alberto Pazos, quen lembrou que na actualidade Galicia supera as 65.000 persoas con dependencia recoñecida, moi lonxe das 14.000 que tiña o Goberno bipartito do PSdeG e BNG.
Ademais, o Goberno de Pedro Sánchez “anuncia un plan para incorporar a máis dependentes ao sistema, pero sen aportar os recursos económicos que se necesitan para atender a eses novos dependentes”, indicou o viceportavoz popular.
A XUNTA ARRIMARÁ O OMBREIRO
“Un ano máis será a Xunta a que arrime o ombreiro e o orzamento para paliar os incumprimentos do Goberno central”, dixo Pazos, quen incidiu que “falamos dun Goberno que se permite dicir como debe ser o modelo de atención á dependencia, se permite esixir máis e mellores servizos e insiste en acelerar a inclusión de máis beneficiarios, pero sen pagar o que debe”.
Alberto Pazos criticou que “Pedro Sánchez promete servizos de cinco estrelas, pero paga a prezos de hostal, e namentres os seus compañeiros socialistas e o BNG que o fixeron presidente quéixanse do servizo que pagamos todos os galegos”.
“Incorporar novos usuarios está moi ben, pero implica investir máis en recursos para atendelos; establecer requisitos de máis persoal nas residencias está moi ben, pero precisa de máis recursos para salarios; e ofrecer novos servizos nas residencias está moi ben, pero non pode facerse sen máis recursos para financialos”, manifestou o viceportavoz popular.
Para rematar, Pazos asegurou que “a Xunta vai continuar aumentando o seu compromiso coa dependencia faga o que faga o Goberno de Pedro Sánchez, pero iso non implica que sigamos reclamando o que é noso, porque o Goberno central pon boas intencións e deberes, pero son as comunidades autónomas as que teñen que aportar os cartos”.