Santiago, 18 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que ofreza á maior brevidade, de xeito continuo e coa máxima transparencia, toda a información dispoñible polo Ministerio de Transportes sobre as causas que provocaron o colapso do viaduto do Castro na A-6, ao tempo que activa de inmediato a mesa de seguimento, comprometida polo presidente do Goberno de España na súa xuntanza co presidente da Xunta, sobre as medidas que se veñen adoptando en relación coa autovía A-6.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, cuestionou “cal pode ser o motivo polo que o Goberno de Pedro Sánchez non ofrece a información clara, transparente e periódica ao Goberno galego, aos cidadáns, aos usuarios frecuentes desta autovía ou aos transportistas” sobre as medidas que se están a adoptar para reparar o colapso deste viaduto.
MÁIS NECESARIA QUE NUNCA
“Foi un dos compromisos adquiridos polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante o encontro que mantivo co presidente da Xunta o pasado mes de xullo, asumindo a constitución dunha mesa entre ambas administracións para seguir de preto todo o referido ao colapso desta autovía”, lembrou.
Porén, lamentou que “a pesar do tempo transcorrido desde ese acordo, nin Moncloa, nin o Ministerio de Transportes teñen convocado e reunido esa mesa de seguimento á que se comprometeu Pedro Sánchez”.
Balseiro explicou que reunir esa mesa de seguimento “é hoxe máis necesario que nunca para que nos faciliten información, para que aclaren as causas, os traballos que se seguen para determinalas e as razóns polas que aínda non se fixeron públicas”. “Pero tamén para facer un seguimento e estudo das solucións provisionais implantadas para sortear o viaduto colapsado”, engadiu.
NINGUNHA CONFIANZA
A día de hoxe, o portavoz popular sinalou que “a circulación pola autovía segue interrompida, o novo desvío provisional non convence a usuarios e transportistas e hai incluso quen, dun xeito temerario, fala de recuperar a circulación en sentido A Coruña polo viaduto contiguo ao colapsado, sen coñecer as causas que levaron ao desplome do viaduto xemelgo”.
José Manuel Balseiro subliñou que “tampouco nos ofrece ningunha confianza que non se recolla unha partida específica nos orzamentos do Estado para 2023 destinada a reconstruír o viaduto da Autovía do Noroeste”. “Non ten sentido que unha actuación de tanta envergadura e que precisa un gran investimento non teña consignación orzamentaria para 2023”, apuntou.
Para rematar, o portavoz popular manifestou que a consecuencia desta situación “hai xente que deixou de vir a Galicia porque o colapso do viaduto fixo retroceder 20 anos a comunicación de Galicia coa Meseta, ao tempo que hai transportistas que incluso están valorando mobilizarse porque o desvío alternativo non permite a circulación de vehículos pesados nin de transportes en caso de neve”.