Hoxe, en rolda de prensa na sede autonómica do partido
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, salientou que, fronte á publicidade do Goberno de Pedro Sánchez e ao “postureo” do Bloque, os deputados do PPdeG veñen de rematar un “arduo traballo” en forma de emendas, sendo “son os únicos galegos que no Congreso lle din non a uns Orzamentos Xerais do Estado prexudiciais para a Comunidade, ao contrario do que fan os galegos do PSOE e o representante do BNG”.
En rolda de prensa, a número dous do partido en Galicia afirmou que o debate de totalidade dos Presupostos para 2023, celebrado esta semana na Cámara Baixa, confirmou que o Executivo central presentou uns “orzamentos irreais que son malos para España e aínda máis malos para Galicia”, e que o Bloque Nacionalista Galego continuou co seu apoio habitual ao Goberno de Sánchez.
“O BNG volveu ser o BNG de sempre, o do postureo cando toca defender a Galicia e o de poñerse ao carón de Sánchez e dos independentistas cataláns e vascos. Onte dixo si a uns presupostos que supoñen un agravio para Galicia”, manifestou incidindo en que estas contas estancan a inversión, non medran na Comunidade como si o fan en Cataluña e están “cheas de anuncios que en realidade son fume”: “O PP non entende o postureo cando se trata do benestar dos galegos e galegas, e por iso non entendemos un voto a favor a estes presupostos”.
Como explicou, o Bloque, que intenta poñerse a “chaqueta da moderación”, volveu mostrar onte o partido que é en realidade: o que vai da man dos Verdes en Europa, o que busca a independencia de Galicia e aprende de Bildu e Esquerra, e o que lle da as costas a Ucraína e apoia a estratexia de Putin.
Igualmente, cuestionou que na nosa Comunidade sigamos recibindo ministros de Sánchez cada semana “que converten os seus actos en anuncios publicitarios e os seus presupostos en publicidade”. “Os Orzamentos son unha hipoteca para España, están máis pensados para ir a por todas nas eleccións que para gobernar un país e axudar ás clases medias”, afirmou sobre unhas contas “indefendibles e electoralistas”.
UN FUTURO LIDERADO POLO PP
“Desde Galicia traballamos para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España”, remarcou Paula Prado sinalando que, como demostrarán nun acto que celebrará mañá o partido na cidade de Lugo, “somos maioría os que contamos con el como o líder que precisamos”. “España precisa a estabilidade e solvencia que Feijóo deixou en Galicia e que agora continúa co presidente Rueda”, engadiu.
“Mentres o PSOE mira este sábado 40 anos atrás, igual que fixo o BNG hai pouco, o PP é o partido que mira cara ao futuro. Mentres o PSOE mira a un 1982 ao que nin se lle parece e o BNG mira a un 1982 no que aplicaban o mesmo sectarismo, o PP mira cara a un futuro que en Galicia lidera Alfonso Rueda e en España liderará Alberto Núñez Feijóo”, expresou insistindo en que “somos maioría os que cremos nun futuro que lidere o Partido Popular”.
CANDIDATURA GALEGA PARA A AXENCIA DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL
Por outra banda, a secretaria xeral tamén afeou a sensación de “desunión” que producen as queixas dalgúns rexedores con respecto ao proceso polo que A Coruña foi seleccionada como a cidade que apoiará o Goberno galego para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “É lamentable que asistamos a unha guerra civil entre alcaldes do PSOE e que estas liortas poidan lastrar a candidatura galega para a nova Axencia de Intelixencia Artificial”, subliñou resaltando que os expertos e as universidades pechan filas en torno á candidatura que reúne todos os mellores requisitos técnicos.
Cómpre indicar que o informe do Nodo GalicIA concluíu, baseándose nun baremo establecido de criterios obxectivos, que A Coruña é a localización galega con máis posibilidades de acoller esta axencia e que representantes da Xunta e da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal e os reitores das tres universidades públicas galegas mostraron a súa conformidade co documento, que foi aprobado por unanimidade. Malia que a última decisión corresponde ao Goberno central, o obxectivo é promover unha candidatura galega que beneficie a toda a sociedade e a todo o territorio.