31 de outubro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, situou hoxe a Galicia como “a mellor proba” de eficiencia cos recursos públicos, porque demostrou que “é compatible facer rebaixas fiscais selectivas apropiadas para unha situación concreta, neste caso que favorecen as rendas máis baixas, ao mesmo tempo que se mantén a calidade dos servizos públicos”.
Así mesmo, considerou “unha falta de respecto ao autogoberno e unha falta de lealdade institucional no sentido financeiro do termo” a intención do Goberno de Pedro Sánchez de crear un imposto ás rendas altas nas comunidades que reduzan ou eliminen o imposto de patrimonio.
Nunha entrevista na Cadena Ser, Pedro Puy manifestou que “dicir que non se pode facer máis con menos é dubidar que existen melloras de eficiencia na xestión dos servizos públicos” e sinalou que “calquera gobernante ten que aspirar a facer as cousas mellor cos recursos que ten”. “As propias familias galegas o fan todos os días, utilizando os recursos que dispoñen da maneira máis eficiente posible”, apuntou.
TARXETA BÁSICA PARA UNHA CONXUNTURA CONCRETA
Puy situou a Galicia como “a proba” de que se pode manter o nivel de servizos con menos recadación e lembrou que os impostos en Galicia “non se rebaixan ata o punto no que se deterioren os servizos públicos, porque, se un atende tanto aos indicadores de calidade como de satisfacción dos usuarios, demostran que a calidade dos servizos públicos en Galicia mellorou”.
Respecto da tarxeta básica, lembrou que foi “un instrumento que se deseñou para unha conxuntura concreta, como foi a crise da Covid-19, e que tivo uns resultados magníficos”. Porén, engadiu que “unha vez que se recupera a actividade, desaparecen os ERTES e o emprego comeza a activarse, a Xunta considera que se debe volver ás políticas sociais que estaban funcionando ben antes da crise”. “Agora se reforza o gasto social incrementando o bono térmico, as axudas para as familias con pobreza enerxética ou mellorando a Risga”, entre outras cuestións.
“Comprendo que pode haber queixas dos colectivos que entenden que a tarxeta básica é un bo complemento de todo o anterior, pero ao final imos ver os resultados, xa que estas políticas sociais están reducindo a desigualdade en Galicia, que ten neste ámbito unhas cifras envexables para calquera outra comunidade autónoma”, afirmou.
Cuestionado sobre o imposto do patrimonio, o portavoz popular indicou que este tributo “non existe en ningún país da Unión Europea e o feito de que siga en España está empezando a xerar distorsións, porque hai países que son moi competitivos e comunidades que intentan atraer capital non tendo este tributo”. Neste sentido, dixo que este imposto “ten moitos inconvenientes teóricos, e a proba é que non existe en ningún país europeo e incluso o Partido Socialista o suprimiu no seu día no Goberno de Zapatero, que despois o tivo que recuperar pola crise de 2008”.
No caso de Galicia, lembrou que “hai máis de un ano se decidiu unha diminución paulatina cara á súa desaparición”, e concretou que nos orzamentos para 2023 supón unha rebaixa de 17 millóns de euros, fronte aos case 600 millóns de beneficios fiscais para as persoas que máis o precisan.
“O problema é que se a xente, por non pagar o imposto de patrimonio, cambia o seu domicilio, cousa que é bastante sinxela, non só se deixa de ingresar este gravame na Comunidade galega senón que tamén arrastra aos demais tributos, nomeadamente o imposto sobre a renda”, sinalou.
SORPRENDENTE NOVO GRAVAME ESTATAL
Relacionado con este imposto, Puy cualificou de “sorprendente” que o Goberno de Pedro Sánchez cree un novo gravame para as rendas altas co que “está vulnerando claramente a autonomía fiscal das comunidades autónomas”. “Se hai unha comunidade autónoma que rebaixa un imposto no seu ámbito competencial e o Estado o que fai é suplilo con outro, realmente o que se está impedindo é o exercicio das competencias das comunidades autónomas”, manifestou.
Pedro Puy lamentou que “é a primeira vez que un goberno de España irrompe en decisións tributarias democráticas que se adoptan nas comunidades autónomas para curtocircuitar as políticas que, dentro das nosas competencias, decidimos desde as comunidades autónomas”.
Durante a entrevista, Pedro Puy tamén respondeu a preguntas sobre a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2023 e considerou que “neste momento, que coinciden con unha época preelectoral, vai ser complexo” chegar a acordos coa oposición. Porén, avanzou que desde o Grupo Popular “afrontamos este debate coa intención de que, se hai emendas que permitan mellorar o texto dos orzamentos, serán tidas en conta”.
POLÍTICA FISCAL AXEITADA
Pedro Puy defendeu unha contas “continuistas” porque “en liñas xerais a política orzamentaria que se está facendo desde a Xunta está a dar resultados”. “Galicia está acadando os niveis de converxencia máis altos co conxunto de España en termos de PIB per cápita, ao tempo que a desigualdade está por baixo da media de España e da Unión Europea; temos moi bos resultados no ámbito educativo e dos servizos sociais; e, desde o punto de vista orzamentario, sen grandes débedas e incluso mellorando a nosa posición de endebedamento, polo que é lóxico que sigamos nesa liña”, salientou.
O portavoz popular destacou que os orzamentos para 2023 “son os máis altos da historia de Galicia, cun importante esforzo de consolidación da política fiscal que se fixo nos últimos anos”, beneficiando “ás persoas que teñen menor renda”. En concreto, salientou as medidas de deflactación dos primeiros tres tramos do IRPF, os que ingresan menos de 30.000 euros; ou a equiparación das deducións ás familias de dous fillos coas de familia numerosa. Unha política fiscal “axeitada de axudar a quen máis o precisa, con rebaixas fiscais selectivas de arredor de 600 millóns de euros que van dirixidas ao gasto social”, dixo.