14 de novembro de 2022. O Grupo Popular no Parlamento de Galicia vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España e ao PSOE que retiren de maneira inmediata a iniciativa lexislativa presentada nas Cortes Xerais para derrogar o delito de sedición.
“Esta decisión non é digna no contexto da España democrática que vivimos e por iso consideramos necesario que desde todos os ámbitos do PSOE se pronuncien ante esta reforma que debilita o noso sistema constitucional”, dixo o viceportavoz popular, Alberto Pazos.
Ao remate da habitual reunión que o Grupo Popular celebra os luns, Pazos compareceu ante os medios de comunicación e, en primeiro lugar, trasladou a felicitación de todo o grupo parlamentario “á nosa portavoz de Sanidade, Encarna Amigo, á que veñen de concederlle o Premio Liga con nós, outorgados pola Liga Reumatolóxica Galega.
INCREMENTO RETRIBUTIVO PARA OS EMPREGADOS PÚBLICOS
A modo de avance respecto do Pleno que se celebrará a vindeira semana, e á espera da Xunta de Portavoces que se celebra mañá para conformar a orde do día desta sesión, Alberto Pazos adiantou que se procederá ao debate, polo trámite de urxencia e lectura única, do proxecto de Lei polo que se aproba a suba adicional do 1,5 por cento das retribucións dos empregados públicos autonómicos para compensar os efectos da inflación.
“Esta suba aplicarase con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022 e o obxectivo do Goberno galego é que os traballadores reciban esta contía antes de que remate o presente ano”, manifestou o viceportavoz popular, quen apuntou que “con este incremento retributivo, que vai dirixido a paliar o impacto da inflación derivada da invasión de Ucraína por parte de Rusia e pola crise enerxética, os empregados públicos verán aumentadas as súas retribucións neste ano nun 3,5 por cento”.
Respecto da iniciativa lexislativa do PSOE para derrogar o delito de sedición, Alberto Pazos presentou unha proposición non de lei do Grupo Popular pedindo que se retire de xeito inmediato esta iniciativa. “Consideramos que esta decisión é unha submisión máis do Goberno de Pedro Sánchez ás pretensións máis radicais dos seus socios parlamentarios co único obxectivo de manterse no poder, aínda que con iso non só socaven os principios e fundamento do Estado de Dereito, senón que tamén poñen claramente en cuestión a independencia do Poder Xudicial”, dixo.
“Desde o Partido Popular, en xeral, e desde o Grupo Popular no Parlamento de Galicia estamos fortemente comprometidos na defensa da Constitución Española e da dignidade da Nación”, incidiu o viceportavoz popular, quen tamén informou da presentación doutra proposición non de lei a través da que se solicita a elaboración dunha programación que celebre o 45 aniversario da aprobación da Constitución Española ao longo do vindeiro ano 2023”.
Alberto Pazos destacou que “a Constitución foi fundamental para consolidar o noso Estado de Dereito nos principios de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político, unha acción que debe ser recoñecida neste momento no que está a sufrir o maior ataque por parte dos independentistas, co asentimento do Presidente do Goberno”.
INICIATIVAS CONTRA A VIOLENCIA CONTRA A MULLER
Por último, con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, Pazos indicou que o Grupo Popular presentou unha proposición non lei para fomentar as medidas de loita contra a violencia de xénero, tanto a nivel galego, como estatal ou tamén local.
En concreto, pídese colaborar coas entidades locais no ámbito da formación dos profesionais dos Centros de Información á Muller e o fortalecemento das Mesas Locais contra a violencia de xénero; así como que o Goberno de España dea cumprimento efectivo ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao tempo que garante un sistema de financiación estable, plurianual e con fondos suficientes para afianzar todos os recursos humanos e técnicos necesarios na prestación dos servizos contra a violencia de xénero