O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe que “as familias son as que constrúen Galicia” e que por iso desde a súa formación aspiran a que a Comunidade sexa “o mellor lugar para fundar a familia que cada un queira desde a liberdade, o respecto e a pluralidade”.
Fíxoo no acto organizado en Santiago de Compostela polo PPdeG para celebrar o Día Internacional da Infancia, onde defendeu que os populares galegos reivindican “calquera tipo de familia” fronte “a incomprensión e a intolerancia dos que cren que só hai un único modelo válido”. E neste sentido asegurou: “Se queremos unha Galicia cordial, unida, vertebrada, enérxica, con talento e con oportunidades, o que temos que facer é seguir crendo nas familias e apoiándoas”.
Alfonso Rueda puxo así en valor medidas “pioneiras” do Goberno galego neste eido como a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, a tarxeta benvida, o bono coidado, a ampliación do calendario de vacinación infantil, a conxelación das taxas universitarias, as axudas para libros de texto, o transporte escolar gratuíto ou o aumento do orzamento destinado aos comedores escolares.
Anunciou, de feito, que nos Orzamentos da Xunta para 2023 o gasto dedicado á área de Familia, Infancia e Dinamización medrará un 36%. “O apoio ás familias hai que demostralo con feitos, tomando medidas e destinando recursos como levamos facendo desde 2009”, engadiu.
Unhas medidas de apoio que se estenden ademais ao ámbito fiscal grazas á política de baixada de impostos do Partido Popular. Unha política do que o líder dos populares galegos afirmou sentirse orgulloso na medida en que “permitiu aforrar a cada galego case 500 euros respecto ao que pagaba en impostos en 2009” e grazas á cal “o próximo ano as familias con dous fillos terán o mesmo tratamento fiscal que as familias numerosas e aforraranse 250 euros”.
Alfonso Rueda animou ao resto de administracións a seguir o exemplo do Goberno galego e apoiar ás familias con medidas e máis concretamente a Goberno central: “Ten que apoiar ás familias creando as plazas que nos permitan contratar máis pediatras, axilizando os fondos europeos para a creación de emprego e conxelando as peaxes das autopistas estatais para que as familias non teñan que asumir aínda máis gastos nestes momentos de inflación”.
“SOMOS MAIORÍA OS QUE CREMOS NA FAMILIA”
O acto contou coa presencia, entre outros, do vicesecretario de Organización do PP nacional, Miguel Tellado, e do presidente da Comisión de Educación do PPdeG, Ovidio Rodeiro. Participaron tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato do PP á alcaldía de Santiago de Compostela, Borja Verea.
Paula Prado reivindicou que “a familia é un piar básico da nosa sociedade e dos principios do Partido Popular” e que a súa formación é “o partido que mellor representou e representa o que significa a institución da familia”. Ao tempo que poñía en valor as políticas da Xunta neste eido, a secretaria xeral do PPdeG afirmou: “Somos maioría os que cremos na familia e os que cremos que a familia é un eixo fundamental para o futuro de Galicia”.
E dirixíndose directamente á mocidade galega, Paula Prado quixo trasladarlles unha mensaxe de esperanza no futuro: “Ningunha crise nin pandemia vai poder coa nosa terra e desde o Partido Popular imos seguir traballando cada día para ofrecer á nosa mocidade o mellor futuro e as mellores oportunidades para vivir nesta Comunidade”.
Pola súa banda, Borja Verea mostrou o seu compromiso con “un Santiago máis amable, máis familiar e máis humano” e anunciou que, se chega á alcaldía da cidade en maio de 2023, unha das súas primeiras medidas sería “a creación dunha área municipal de familia destinada a que todas as políticas públicas de Santiago estean deseñadas en clave de familia”.
Entre os obxectivos desta área, segundo apuntou o candidato do PP á alcaldía, estarían a posta en marcha dun plan integral de conciliación, a creación dunha rede pública de cociñas escolares en colaboración coa Praza de Abastos e os comercios de proximidade, a aplicación dun plan global de escolas infantís e unha planificación integral das actividades extraescolares co deporte como pilar básico
OS GALEGOS E GALEGAS DE MAÑÁ
O acto organizado polo Partido Popular de Galicia no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela acolleu a celebración dunha mesa redonda baixo o título Os primeiros pasos. Os galegos e galegas de mañá, moderada polo vicesecretario de Familia do PPdeG, Alberto Pazos.
Nesta mesa interviñeron e compartiron as súas experiencias diferentes expertas no eido da infancia e da familia. Entre elas Carmen Dourado, nai de familia numerosa, traballadora social e coordinadora da asociación galega de familias de acollida Acougo. Así como María Fernández Prada, que desde 2016 xestiona a primeira casa niño de Galicia – Pequerrechos en Leiro – e que atende a un máximo de cinco nenos de forma totalmente gratuíta para que as súas familias poidan conciliar.
Tamén a orientadora e Licenciada en Psicopedagoxía, María Victoria Suárez Taibo, e a directora da escola infantil Os Pequerrechos de Santiago de Compostela, Dolores Gil Leal; que puxo en valor a importancia de medidas como a gratuidade escolar para nenos de 0 a 3 anos que se aplicou en Galicia este curso.