23 de novembro de 2022. O Grupo Popular solicitará no Pleno ordinario do Parlamento de Galicia que se celebra a vindeira semana que o Goberno de España, a través do seu Presidente e tamén secretario xeral do PSOE, retire de maneira inmediata a iniciativa parlamentaria presentada nas Cortes Xerais que modifica o Código Penal para derrogar o delito de sedición.
Así mesmo, solicitará que a Xunta tramite coa maior axilidade os proxectos eólicos da súa competencia, especialmente aqueles declarados como iniciativas empresariais prioritarias e que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, e que o Goberno central asuma o acordo de colaboración co Goberno galego para facilitar a tramitación de parques eólicos, en concreto aqueles que garantan a reactivación da planta de Alcoa en San Cibrao canto antes.
A sesión plenaria inclúe, en primeiro lugar, a comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, por petición propia, para informar sobre as liñas xerais de actuación do seu departamento.
DESCRÉDITO E MENOSCABO DAS CORTES E A XUSTIZA
No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central para que, a través do seu Presidente e secretario xeral do PSOE, retire de maneira inmediata a iniciativa parlamentaria presentada nas Cortes Xerais e non levar a cabo ningunha modificación do Código Penal que supoña derrogar o delito de sedición. Ademais, pídese que se cumpra, acate e respecte a Constitución Española, na que non ten cabida a sedición nin os referendos ilegais.
A iniciativa do Grupo Popular manifesta que, de levarse a cabo esta reforma, o Goberno de Pedro Sánchez estaría a participar activamente no descrédito e no menoscabo de dúas institucións fundamentais do Estado, como son as Cortes Xerais e os tribunais de Xustiza, beneficiando política e xudicialmente a quen no seu día trataron de atentar contra a integridade territorial e a orde constitucional de España.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular para o Pleno da vindeira semana ten como obxectivo impulsar a tramitación de parques eólicos en Galicia. Así, ínstase á Xunta a tramitar coa maior axilidade os proxectos eólicos da súa competencia, especialmente aqueles declarados como iniciativas empresariais prioritarias, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, e cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial en Galicia, vinculando estes proxectos a garantir polo menos o 50 por cento do consumo de enerxía deste centro.
Tamén se pide ao Goberno central que asuma o acordo de colaboración coa Xunta para facilitar a tramitación de parques eólicos, dando prioridade ás instalacións que permitan a subministración eléctrica á industria galega.
En concreto, a proposición non de lei pide un compromiso claro do Goberno central e de Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes, ao tempo que activa o PERTE para descarbonizar a industria electrointensiva en cogobernanza coas comunidades autónomas.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo funcionamento do Servizo de Oncohematoloxía no Hospital Público da Mariña lucense e sobre as prioridades que a Xunta vai enviar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica coa fin de modificar a actual planificación enerxética para o período 2021-2026.