O Partido Popular de Galicia traballa para ter designados a 31 de decembro os 313 candidatos dos 313 concellos galegos para as eleccións municipais do vindeiro ano e co obxectivo de “ofrecerlle a todos os galegos o proxecto serio, solvente e centrado que necesitan”.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica o proxecto dos populares fronte a un PSOE “atrapado e secuestrado polo presidente Sánchez” e un BNG “instalado no independentismo máis radical”. De aí que asegure: “Somos maioría os que cremos que o proxecto que necesitan os galegos é o proxecto do Partido Popular e por iso agardamos que Galicia se tinga de azul o 28 de maio”.
En referencia aos candidatos das sete cidades, Paula Prado pon en valor os “meses de intenso traballo” que todos eles acumulan co obxectivo de “mostrar aos veciños ese proxecto solvente e innovador” que, asegura, aspiran a trasladar “a toda a cidadanía galega”.
UN PROXECTO COMÚN CON SETE OBXECTIVOS
A seis meses das eleccións municipais, os candidatos populares á alcaldía das sete cidades galegas expoñen nas redes sociais un vídeo de presentación coas claves do seu proxecto.
A candidata á alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, asegura que é momento dun “cambio de ciclo” e de demostrar á cidadanía que hai outras formas de facer política “sen confrontación e sen estridencias”. Mostra así mesmo a súa aposta por “un Vigo líder, innovador e emprendedor que debe xogar un papel protagonista en España e en Europa”.
Pola súa banda, o coruñés Miguel Lorenzo aspira a “recuperar a ilusión e o peso da cidade da Coruña para devolverlle o liderado, blindar os servizos públicos e facelos máis eficientes”. Neste sentido aposta por “recuperar o orgullo de cidade” e converter de novo á Coruña “nun referente en calidade de vida”.
“Eu non veño a facer política, senón a facer xestión para recuperar o perdido e avanzar no futuro de Ourense”, asegura Manuel Cabezas no seu vídeo. O candidato á alcaldía da cidade das termas define o seu regreso á política como “o primeiro paso para liderar a segunda gran transformación de Ourense”.
Elena Candia asegura que a cidadanía trasladalle que “Lugo quere un cambio” e por iso aspira a que a cidade sexa “un espazo de oportunidades” no que as persoas estean no centro de todas as políticas locais, facendo especial referencia aos nenos, á mocidade e aos maiores. “Presentarei un proxecto dun Lugo para vivir no que o concello sexa un axente colaborador para que a cidade sexa tamén un lugar atractivo para investir”, engade.
O candidato á alcaldía de Santiago de Compostela, Borja Verea, busca un “Santiago que avance, que estea en marcha e que sexa líder e protagonista para resolver os desafíos do seu propio futuro. Así afirma no seu vídeo que “é fundamental recuperar a vangarda con proxectos que poñan a cidade en movemento e deixar o pasado atrás”.
Rafa Domínguez pon o foco na “capacidade do xestión, o traballo e a ilusión” do seu equipo e cree firmemente que “o cambio en Pontevedra é posible” cun proxecto no que se aposte polo emprego, pola mobilidade, polo deporte e polas potencialidades do entorno natural do río Lérez.
Por último, o ferrolán José Manuel Rey Varela aspira a “vencer a resignación” e que en 2023 “non gañe ningún partido, porque os que teñen que ganar son Ferrol e os ferroláns”. Aposta por un modelo de cidade que garanta un goberno estable, uns bos servizos municipais e o emprego e que teña ás persoas como prioridade.