1 de decembro de 2022. A portavoz de Deporte do Grupo Popular, Lupe Murillo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que desde o PPdeG “seguiremos traballando por conseguir máis recursos para os nosos deportistas, as nosas asociacións, federacións e clubs deportivos, intentando cada día que os nosos deportistas sexan os mellores de España e do mundo sendo galegos”.
Neste sentido, lamentou que “se queira seguir xerando confusión ao redor da creación de seleccións galegas deportivas, que xa existen e que están a conseguir importantes éxitos deportivos en todas as modalidades; ou se utilice o deporte e aos deportistas para facer política curtoplacista e claramente contraria aos pronunciamentos do Tribunal Constitucional”.
Lupe Murillo afirmou que “apoiamos que as nosas seleccións galegas sexan axudadas económica e tecnicamente desde as administracións, para poder competir a nivel estatal ou internacional, como xa se está facendo; que os nosos deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando suben ao podio ou recollen medallas, como xa acontece na actualidade; que se conformen seleccións galegas femininas e masculinas cando o organismo que ten competencias exclusivas na súa configuración, as federacións deportivas, así o decidan; que se impulse o uso e coñecemento da lingua galega a través do deporte; e que se impulse a igualdade de xénero mediante a promoción da participación da muller na práctica do deporte, como xa se ven facendo desde a Xunta con campañas de concienciación e apoio ao deporte feminino”.
Porén, lembrou que “as seleccións autonómicas teñen o ámbito de actuación internacional marcado pola lei vixente e por dúas sentenzas do Tribunal Constitucional, que indican claramente que soamente poden competir en dous escenarios: en partidos amigables e no caso de que na modalidade deportiva específica non existe unha federación nacional, como é o caso do fútbol gaélico”.
POLÍTICOS PROACTIVOS
“Como políticos debemos ser proactivos na mellora daquilo que temos encomendado”, recoñeceu a portavoz popular, quen cuestionou ao BNG “que beneficio para o deporte galego recolle a súa proposta sobre a posibilidade de competir oficial e internacionalmente as seleccións galegas”. “Nin melloras para os deportistas, nin para os clubs, nin para o tecido empresarial que se move en Galicia ao redor do deporte, unha vez máis amosan o pouco que lle preocupa e ocupa o deporte ao BNG”, manifestou.
Ademais, Lupe Murillo lamentou que “din pensar en grande, pero me temo que con esta proposta o BNG se retrata e amosa o que realmente son e queren: unha Galicia pequeniña e que quede illada, a través dunha proposta feita exclusivamente para os seus intereses, ben pensada para o enaltecemento das súas ideas independentistas, co risco de inconstitucionalidade pero carente de utilidade para o noso deporte”.