O presidente do Partido Popular de Galicia afirmou onte no Congreso do PP de Lalín que “entre a elección de gobernos unidos ou gobernos de coalición de perdedores, a única alternativa para gañar nas municipais é obter unha maioría absoluta do Partido Popular”.
“En maio hai que elixir entre xestión solvente ou ineficacia, entre estabilidade e normalidade ou parálise e liortas, entre defender aos veciños ou defender as siglas, entre ser un partido forte e unido ou ser satélites de partidos que están noutro sitio e a outras cousas”, engadiu.
En clave nacional, Alfonso Rueda criticou ao Goberno central que “siga perdendo o tempo en cousas que non lle importan a ninguén mentres os problemas reais do día a día seguen esquecidos”
Referíndose á xestión os fondos europeos afirmou: “Non pode ser que os fondos europeos sigan embalsados nun ministerio e sen moverse mentres os prazos pasan e seguen sen chegar aos proxectos potentes que presentou Galicia”. E sobre a suba das peaxes da AP-53 o ano que vén engadiu: “Non pode ser que a estas alturas o Goberno central aínda estea pensando se vai conxelar as peaxes desta autopista ou non, cando desde o Goberno galego xa en setembro dixemos claramente que a xente non se podía permitir pagar un 10% máis de peaxes o ano que ven”
Alfonso Rueda referiuse tamén á situación sanitarla, lamentando que “a pesar de levar feito un gran esforzo e a pesar de ser a Comunidade con máis médicos de Atención Primaria de España, non podemos dar a Atención Primaria que nos gustaría porque o Goberno central segue sen convocar máis prazas MIR”.
Sobre Alberto Núñez Feijóo, o líder dos populares galegos afirmou que “ten a experiencia, a coraxe, a valentía e o mérito para sacar a España deste pesadelo e os galegos temos a oportunidade de volver a mostrarlle o noso apoio como xa fixemos con catro maiorías absolutas consecutivas”.
“AS COUSAS CONSÉGUENSE CON ALCALDES COMO JOSÉ CRESPO”
Ante unha audiencia de medio millar de persoas, Alfonso Rueda enxalzou o traballo dos populares de Lalín tras conseguir “recuperar á primeira” á alcaldía despois de catro anos de tempo perdido: “Traballando por ter un partido unido e ordenado conseguiredes volver a gañar en Lalín en 2023”.
Sobre José Crespo, que resultou reelixido como presidente da formación, o líder dos populares galegos afirmou que “ten o carisma suficiente para que ninguén lle de leccións sobre municipalismo nin sobre como poñer aos seus veciños por riba de todo”. Ao que engadiu: “As cousas conséguense cando hai un alcalde que sabe pedilas, que sabe coordinarse con outras administracións e que sabe moverse como fai José Crespo por Lalín”, afirmou o presidente do PPdeG
JOSÉ CRESPO: “A MIÑA PRIORIDADE É LALÍN”
Crespo apelou na súa alocución á “política útil” para “seguir apoiando a transformación de Lalín que se reiniciou con forza despois de catro anos de parón forzado pola inexperiencia do cuatripartito”, reivindicando “un partido popular sen complexos” para afrontar proxectos que coloquen a Lalín entre os concellos máis destacados de Galicia.
O político lalinense agradeceu o traballo “de todo o equipo” para afrontar tres anos complexos que “nos que houbo que traballar de xeito intenso para superar a pandemia e as consecuencias derivadas dela” e, despois de presentar a un comité executivo moi amplo con 120 membros, destacou as gañas de “traballar por Lalín” de todos eles e puntualizou que quere “seguir na primeira liña política” mentres os lalinenses llo pidan e llo soliciten e a pesar de que as súas aspiracións políticas “están cumpridas e realizadas”.
Concluíu dicindo que as súas prioridades son Lalín e os lalinenses, non o seu futuro persoal: “Volverei antepoñer Lalín por diante de calquera cousa e doutras responsabilidades”.