7 de xaneiro de 2023. O Partido Popular de Galicia cualifica de “novo agravio económico de Pedro Sánchez á Comunidade” a negativa do Goberno central a crear un Perte específico para a industria téxtil e denuncia que o único que se ofreza a cambio sexan “máis palabras bonitas que realidades das que poida dispoñer a industria galega para afrontar os grandes desafíos que ten por diante”.
A través dunha proposición non de lei rexistrada esta semana no Parlamento de Galicia, os populares demandan do Goberno central unha alternativa capaz de garantir investimentos estratéxicos tanto para a industria téxtil como para o conxunto da economía galega. Non en balde, tal e como salientan, este sector representa o 37% do PIB de Galicia, factura preto de 30.000 millóns de euros e dá emprego a 36.000 persoas.
A deputada autonómica e presidenta da Comisión de Industria do PPdeG, Marta Nóvoa, considera “lamentable” que o Goberno central “volva abandonar a unha industria tan importante como é a industria téxtil en España e concretamente en Galicia” e equipara esta situación co ocorrido recentemente co proxecto da empresa Altri para poñer en marcha unha fábrica de fibras téxtiles sostibles en Palas de Rei.
“Mentres o proxecto de Altri obtivo por parte da Xunta de Galicia a súa declaración como iniciativa prioritaria, por parte do Goberno de Pedro Sánchez ten que conformarse coa presentación a 17 convocatorias de distintos Perte”, sinala Nóvoa ao respecto.
De feito, o Goberno galego segue agardando unha confirmación do Executivo central sobre o acceso aos fondos europeos por parte desta iniciativa tras máis dun ano de ser seleccionada prioritaria para Galicia e ser a primeira planta en España destas características. De aí que desde o PPdeG volvan criticar “a falta de obxectividade e de transparencia, o centralismo e a lentitude” na execución dos fondos europeos Next Generation por parte do Goberno central.
UN PROXECTO PARA A REINDUSTRIALIZACIÓN DO SECTOR TÉXTIL
Os populares recordan que hai pouco más dun ano que, por primeira vez, todo o sector téxtil español uniu as súas forzas para presentar un proxecto coa intención de que se aprobara un Perte específico que servise para impulsar a súa reindustrialización e traer produción de volta a España.
Esta iniciativa tiña por obxectivo lograr investimentos por un valor de entre 11.000 e 12.000 millóns de euros pero, pese a importancia destas cifras, o Goberno central decidiu sen previo aviso aparcar o proxecto. Ofrecendo como única alternativa a participación desta industria no Perte de Economía Circular, onde introduciu unha pequena partida de 100 millóns en exclusiva para o sector e que aínda non se ten convocado.
Os populares lamentan que se pasara “dun proxecto que contaba coa participación e a cooperación de todo o sector e que aspiraba a miles de millóns de euros para afrontar os grandes retos e manter a industria téxtil no lugar que hoxe ocupa” a “unha iniciativa subsidiaria que todo o que ofrece son máis palabras bonitas que realidades”.