20 de febreiro de 2023. Alfonso Rueda mostrouse convencido de que o 28 de maio se verán os resultados dunha boa estratexia de planificación: “O PPdeG foi o primeiro partido en presentar aos seus candidatos para as sete cidades e este sábado será o primeiro en presentar aos candidatos dos 313 concellos galegos”.
“Co traballo ata o de agora, co que se está facendo e co que se fará nestes meses, é posible que o 28 de maio se produza un cambio de ciclo na política municipal de Galicia en moitos territorios a favor do Partido Popular”, afirmou o líder dos populares galegos ante o Comité Executivo do PPdeG reunido esta tarde en Santiago.
O presidente do PPdeG reivindicou que “o único compromiso” do partido é cos electores que lle outorgan a súa confianza: “Nun momento de incertezas como este, o que a xente demanda de nós é unha política útil de feitos e propostas realistas, non crear máis problemas, nin perder o tempo en liortas internas”.
Rueda remarcou que os populares galegos non teñen unha estratexia, senón un proxecto: “Quen ten unha estratexia só pensa en gañar, pero os que temos un proxecto pensamos no que imos facer despois de gañar”.
“É o momento dos valentes e de traballar para que na noite do 28 de maio sexa posible o cambio de ciclo en moitos territorios de Galicia a favor do Partido Popular. Porque fixemos as cousas ben e porque traballamos humildemente para ser os mellores”, engadiu.
Referíndose aos cargos do Goberno de Sánchez que veñen a Galicia a “facer turismo electoral”, o líder dos populares galegos recordou que Alberto Núñez Feijóo “foi presidente de Galicia durante 13 anos porque así o quixeron os galegos que lle concederon de forma abrumadora a súa confianza en catro ocasións consecutivas”.
Sobre o cesamento da secretaria de Estado de Transportes e do presidente de Renfe: “Se quixeran razóns, en Galicia había razóns de sobra para que se fosen cesados hai moito tempo. Porque levamos meses vendo como bailan as datas de chegada da Alta Velocidade a todas as cidades de Galicia e aínda seguimos sen sabelo”.
Alfonso Rueda criticou ao BNG que “non teñan a valentía” de criticar a Lei do ‘só si é si’ cando máis do 10% das excarceracións e rebaixas de pena estanse producindo en Galicia.
DESIGNACIÓN DO COMITÉ DE CAMPAÑA PARA AS MUNICIPAIS
“Para lograr todos os nosos obxectivos, é fundamental ter un bo equipo de xente experimentada e ilusionada”, afirmou Alfonso Rueda para referirse aos compoñentes do Comité de Campaña elixido pola formación para as eleccións municipais.
Por primeira vez a formación designa a unha coordinadora de Igualdade, que será a deputada autonómica Noelia Pérez; unha especialista neste ámbito fundamental, con sentido do deber, sensibilidade e experiencia.
Paula Prado será a directora de campaña e Pedro Rojo o responsable de organización, mentres que Pedro Puy se encargará de coordinar o Programa Marco. O lema autonómico da campaña será: “Galicia Entre Todos”.