27 de febreiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe que a polémica polas consecuencias da aprobación da Lei de só si é si “estea tapando os poucos avances que se fixeron en relación co Pacto de Estado contra a violencia de xénero”.
Neste sentido, informou que “temos rexistrado no Parlamento galego unha proposición non de lei pedindo ao Goberno de Pedro Sánchez que revise pola vía de urxencia a lei de só si é si e desenvolva todas e cada unha das medidas deste Pacto de Estado destinadas á protección, apoio, intervención e recuperación integral das vítimas dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, especialmente mulleres e nenas”.
Pedro Puy lembrou que o vindeiro Pleno ordinario do Parlamento galego coincidirá coa celebración do Día Internacional da Muller e en pleno debate en relación coa modificación da Lei orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual realizada polo Goberno de Pedro Sánchez, “que esta xerando unha ampla e xustificada controversia social pese a todas as advertencias que se fixeron no seu momento, en concreto pola deputada galega Marta González e outros expertos xurídicos”. “O feito é que agora estamos a ver esas consecuencias indesexadas, que están levando a que se estean revisando moitas penas de delincuentes sexuais, lamentablemente en Galicia por enriba da media nacional”, engadiu.
RESPALDO DO GRUPO POPULAR
Neste sentido, Puy subliñou a disposición do Grupo Popular no Congreso para apoiar a modificación da Lei de só si é si, e recordou que os deputados do PP xa presentaron no Congreso o pasado mes de decembro unha proposición de lei para proceder á reforma desta lei e volver ás mesmas penas que estaban en vigor ata setembro de 2022 e que se viron rebaixadas pola actual regulación. “A división do Goberno de Pedro Sánchez fai que sexa o Grupo Popular o que teña que respaldar no seu caso unha modificación dunha lei que ten erros técnicos, pese a que un sector do Goberno central nega as lamentables situacións que estamos a vivir”, apuntou.
“O peor deste debate é que está a tapar outros feitos relevantes en relación coa igualdade da muller e a violencia de xénero”, lamentou o portavoz popular, quen concretou que “se está retrasando o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero”. Neste sentido, lembrou que o Ministerio aínda non impulsou a Lei de trata de mulleres ou medidas contra a violencia dixital, “algo sobre o que xa avanzamos en Galicia ao incluíla na lexislación propia galega”.
ASUMIR O PACTADO
Por todo isto, Pedro Puy pediu ao Goberno de España que “asuma o que está pactado e desenvolva o Pacto de Estado contra a violencia de xénero”, que contou con importantes aportacións do Parlamento galego a través das conclusións remitidas pola Comisión de Igualdade. “Pola nosa parte, seguiremos traballando para avanzar na igualdade das mulleres e que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra co pactado”, incidiu.
Así, o portavoz popular salientou desde o Goberno galego “traballan para mellorar a situación laboral das mulleres”. Neste sentido, salientou o incremento das mulleres empregadas en Galicia no último ano, conseguindo situar o paro feminino no 11,49%, 3 puntos menos que a media estatal (14,61%). Este dato prodúcese logo de que durante o pasado ano o paro entre as mulleres galegas se reducir en 0,8 puntos porcentuais, fronte ao 0,4 da media estatal.