19 de marzo de 2023. O Grupo Popular demandará no Parlamento galego que o Goberno de España convoque de maneira urxente unha xuntanza co comisario do Corredor Atlántico e as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León para tratar as necesidades específicas nesta infraestrutura ferroviaria, que se deben traducir en 8.000 millóns de euros máis no Plan Director. Así mesmo, pídese igualdade de oportunidades, investimentos e de avances entre o Corredor Atlántico e o Corredor do Mediterráneo.
O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lembrou que “as comunidades autónomas do noroeste peninsular unen forzas para reivindicar conxuntamente que o Corredor Atlántico sexa unha infraestrutura prioritaria, impulsando o conxunto de liñas ferroviarias chamadas a conectar os principais portos atlánticos e outros nodos estratéxicos deste área coas rexións do interior de España, Portugal e, sobre todo, co resto de Europa”.
CONECTAR CON EUROPA
En concreto, lembrou que o obxectivo “é que se potencien as comunicacións entre as comunidades do norte de España e, por suposto, defender que o norte se conecte con Europa a través de Euskadi e Francia, tanto no que se refire ao transporte de mercadorías como de hidróxeno verde”.
Balseiro manifestou que “a alianza das comunidades do noroeste xa acadou o primeiro resultado práctico coa constitución do pasado 27 de xaneiro, por parte do Goberno de España, do comisionado para o Corredor Atlántico”. Porén, lamentou que este comisionado “non se activou ata mes e medio despois e con cinco anos de atraso con respecto ao comisionado do Corredor Mediterráneo, que acada un nivel de desenvolvemento moi superior”.
Neste sentido, e diante das declaracións realizadas polo comisionado do Corredor Atlántico advertindo de inconcrecións no documento presentado por Galicia, Asturias e Castela e León no que se recollen os investimentos que se consideran prioritarios e imprescindibles, “consideramos necesario que o Goberno de Pedro Sánchez convoque de maneira urxente unha xuntanza deste comisionado con responsables das comunidades autónomas afectadas para abordar as necesidades específicas do Corredor Atlántico Nororeste”, dixo.
O portavoz popular pediu “seriedade e rigor ao comisionado á hora de avaliar o documento facilitado polas comunidades autónomas, porque non parece serio que se dedique a cuestionar algo que nin sequera nos deu a oportunidade de presentarlle”. En concreto, Balseiro sinalou que o Corredor Atlántico do Noroeste ten unha necesidade de investimento estimada en 8.000 millóns de euros e “o que non podemos aceptar é que o Goberno de Pedro Sánchez prevea gastar só 1.100 millóns de euros, porque iso non permitirá cumprir os obxectivos de competitividade que buscamos para a nosa rede ferroviaria de mercadorías e para o noso territorio”.
“Agora cómpre traballar no deseño e impulso definitivo do Plan Director para o desenvolvemento do Corredor Atlántico, que servir para transformar a rede ferroviaria de mercadorías e que, de cumprirse os prazos, deberá presentarse o vindeiro mes de outubro”, rematou José Manuel Balseiro.