22 de maio de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que o PPdeG “está a demostrar que se pode xestionar ben sen necesidade de prometer, prometer e prometer máis gasto público como está a facer Pedro Sánchez nesta campaña electoral, un gasto que algunhas veces xa está previsto nos orzamentos pero que vai incrementar o déficit, nun momento no que a Unión Europea comeza xa a avisar que para o ano haberá que volver á senda da estabilidade financeira”.
“O lóxico sería que o Goberno central aproveitara a campaña para facer públicos e efectivos o financiamento necesario procedente de Europa para os proxectos estratéxicos de Galicia, xa que a día de hoxe só 4 dos 20 presentados teñen garantido financiamento”, indicou.
Pedro Puy puxo de manifesto “as boas sensacións que temos os deputados do PPdeG” sobre o desenvolvemento da campaña electoral e os posibles resultados do vindeiro domingo. “Somos prudentes coas enquisas publicadas nos últimos días, pero cremos que os nosos candidatos van ter un resultado sensiblemente mellor que o que tivemos nas anteriores eleccións municipais”, sinalou.
O portavoz popular explicou que esta campaña electoral está a servir para “facer unha rendición de contas e presentación do novo programa de actuacións para o vindeiro ano, nos concellos nos que xa goberna o PPdeG, e de presentación dunha alternativa de estabilidade dun goberno do PP alí onde aínda non gobernamos”. “Ese é o principal fío de actuación que estamos a seguir nesta campaña electoral, lonxe do que estamos a apreciar noutras forzas políticas, nomeadamente o PSOE, que dia tras día anuncian novos gastos públicos que non buscan máis que un titular”, apuntou.
Neste sentido, concretou que, segundo algunhas fontes, as promesas que leva realizado Pedro Sánchez ao longo desta campaña superan os 45.000 millóns de euros, “nun momento no que a Unión Europea vai volver a esixir prudencia fiscal e redución do déficit público”. Puy afirmou que “todos somos conscientes de que, unha vez que se superou a crise e recuperamos o PIB previo á pandemia sanitaria, non se pode seguir xerando déficit e emitindo débeda que se vaia acumulando para que a paguen as próximas xeracións”.
“O lóxico sería que se aproveitase a campaña electoral para facer públicos e efectivos os financiamentos necesarios procedentes de Europa para os proxectos estratéxicos de Galicia”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou que dos 20 grandes proxectos tractores que presentou a Comunidade galega a día de hoxe só teñen garantido financiamento catro.
En concreto, explicou que “quedan pendentes de financiamento europeo iniciativas empresariais como a de Altri en Palas de Rei; Stellantis en Vigo ou as plantas de hidróxeno verde de Reganosa, Meirama ou Punta Langosteira; ou a fábrica de neumáticos de Sentury en As Pontes”. “Preferiríamos que, unha vez existen eses fondos e despois de que se fixeran proxectos que encaixan perfectamente nos fondos Next Generation, o Goberno de Pedro Sánchez se centrara no seu financiamento en vez de improvisar medidas alleas aos orzamentos e sen planificación algunha”.