12 de xuño de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno desta semana a posta en marcha dun Pacto Nacional pola Vivenda que incorpore medidas específicas para a xente moza e a construción de vivendas sociais. Por outra parte, o portavoz popular, Pedro Puy, cualificou de “francamente mellorable” o balance da xestión dos fondos europeos Next Generation por parte do Goberno de Pedro Sánchez e afirmou que “non é o mesmo que haxa un Presidente do Goberno de España que coñece os problemas de Galicia que un Goberno que só fai anuncios para as comunidades onde goberna”.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Pedro Puy lembrou que “este será o último Pleno no que exercerán como deputados autonómicos os catro compañeiros do Grupo Popular que con toda seguridade van ser elixidos alcaldes o vindeiro sábado: José Manuel Rey, en Ferrol; Marta Nóvoa, en San Cibrao das Viñas; Daniel Vega, en Ribadeo; e Ovidio Rodeiro, en Boqueixón”, aínda que sinalou que “non descartamos que outros deputados populares finalmente cheguen á Alcaldía dos seus concellos”.
AVAIS PARA COMPRA E ALUGUER
O portavoz popular incidiu que unha das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central acade un Pacto Nacional pola Vivenda, no que, entre outras medidas, contemple medidas dirixidas aos mozos como un aval de ata o 20 por cento do total da vivenda para completar o financiamento da hipoteca; avais á fianza de alugueiro; axudas de 1.000 euros para a súa emancipación, que poidan gastar no acceso á vivenda tamén á compra como ao alugueiro; ou ampliación do orzamento do Bono Mozo de alugueiro, que na pasada campaña deixou a moitos solicitantes fora.
Así mesmo, este Pacto Nacional incorporaría un reforzo da seguridade xurídica aos propietarios de inmobles ante o incremento da okupación, facilitando o desaloxo dos okupas en menos de 24 horas; así como unha aposta pola vivenda social e a de protección pública, así como o alugueiro accesible en colaboración público-privada.
“Á marxe das campañas electorais, a situación das vivendas é unha cuestión que hai que atender urxentemente”, sinalou Pedro Puy, quen lamentou “as grandes promesas realizadas por Pedro Sánchez durante as campañas electorais que nunca se chegaron a realizar”.
Por outra banda, Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular tamén solicitará no Pleno que a Xunta realice un proceso asistencial integrado de abordaxe da fraxilidade osteomuscular, máis coñecida como osteoporose, que homoxeneice a asistencia e a prevención deste proceso integrando accións en atención primaria e hospitalaria. “Estamos a falar dunha enfermidade silenciosa que afecta principalmente ás persoas maiores e, sobre todo, ás mulleres”, explicou.
Cuestionado sobre a designación do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, como o número 1 da lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, o portavoz popular manifestou que “se trata dunha magnífica nova pola solvencia e o curriculum de servidor público, tanto a nivel universitario como de cargos públicos, que fan del unha persoa idónea para encabezar unha lista e poder aportar desde o Congreso ou desde outras labores de goberno”.