4 de xullo de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, coa abstención tanto de BNG como de PSdeG, a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, “coa que Galicia asume novas cotas de autogoberno, desenvolvendo lexislativamente a competencia sobre o ordenamento do noso litoral recoñecida no Estatuto de Autonomía”, manifestou o viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
Ademais, subliñou que esta norma “conserva o mellor da Galicia de sempre para entregar aos nosos fillos o legado que nos entregaron os nosos país: natureza, paisaxe, cultura e esperanza dun futuro sostible”.
Pazos incidiu que a nova Lei do litoral “nace para converterse no instrumento que permita irmandar a protección dos recursos naturais, cun desenvolvemento económico e social sostible”. Así, dixo que “apoiar esta lei supón defender a plena vixencia do noso Estatuto, un equilibrio entre a protección do litoral e o interese social e a especial relación dos galegos co noso litoral”. “Fronte a esta posición defendida polo PPdeG atopámonos aos que pretenden forzar a súa reforma por mero tacticismo político, protexer a paisaxe a costa de afundir á paisanaxe e situarnos nunha falsa dicotomía para elixir entre Galicia e os galegos”, apuntou.
REDACCIÓN CORAL
“Unha norma desta relevancia non pode ser redactada desde as trincheiras da ideoloxía, e desde ese convencemento abrimos un proceso de redacción coral no que participou o conxunto da sociedade galega”, polo que o viceportavoz popular afirmou que “está escrita do puño e letra da mesma Galicia”. En concreto, lembrou as numerosas entidades e expertos que participaron na elaborado deste texto lexislativo antes da súa entrada no Parlamento galego, que non mereceu mendas á totalidade por parte dos grupos da oposición. “Todos eles fixeron importantes aportacións que enriqueceron esta norma e puxeron o seu coñecemento e a súa experiencia ao servizo de Galicia, con total altruísmo e xenerosidade”, engadiu.
Por este motivo, cualificou de “sorprendente e decepcionante a falta de apoio explícito a esta lei por parte de BNG e PSdeG”, ante o que animou a que “eviten reincidir no pecado da equidistancia que xa cometeron no pasado ante cambios normativos lesivos para Galicia”, como a reforma do regulamento estatal de Costas ou a Lei de cambio climático e transición enerxética.
Alberto Pazos agradeceu as achegas feitas polo BNG a esta lei a través das súas emendas, das que se incorporaron 32 ao texto que se aprobou hoxe. Porén, lamentou “non poder agradecer nada a un PSdeG que decidiu resolver os seus problemas internos a costa de desentenderse dos problemas dos galegos”. “Comezaron seguindo as ordes de Moncloa de oposición frontal a esta Lei, despois tentaron lavar a cara comprometendo o seu apoio á mesma, para novamente volver a negarlle o apoio que prometeran”, recordou. Deste xeito, indicou que “o cúmulo de incongruencias, escusas e contradicións das últimas semanas pasará á peor historia do PSdeG”.