4 de xullo de 2023. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lamentou que o PSdeG rachara hoxe no Pleno do Parlamento galego o consenso existente nos últimos anos nos asuntos relacionados coa loita contra a violencia machista.
“O compromiso na loita contra a violencia de xénero demóstrase con feitos e con medidas reais e efectivas, e non con palabrería ou defendendo unicamente intereses partidistas”, sinalou.
Paula Prado salientou que “os consensos existentes no Parlamento galego permitiron que, baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo e con gobernos do PPdeG, Galicia se convertera na primeira comunidade autónoma en ter un decreto de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal da Administración, en 2017; poñer en marcha o servizo de quenda de garda psicolóxica para as mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos menores, en 2018; prestar asistencia integral dos orfos vítimas de violencia de xénero desde 2019; e, máis recentemente en 2021, recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero”.
FEIJÓO, EN GALICIA E AZNAR E RAJOY NO GOBERNO DE ESPAÑA
“Demostrouno Feijóo en Galicia e volverá a demostralo en España a partir do 23 de xullo, do mesmo xeito que o fixo Aznar, cando incorporou á lexislación española a regulación da orde de afastamento e a orde de protección, ou cando tipificou como delito a violencia psíquica; e ao igual que fixo Rajoy, cando conseguiu a aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o recoñecemento dos menores como vítimas”.
Porén, Prado criticou que “os deputados socialistas pidan agora máis accións en materia de igualdade cando votaron en contra da primeira Lei de igualdade de oportunidades en Galicia e critican que Feijóo queira suprimir o Ministerio de Igualdade, cando foi o presidente socialista Zapatero quen xa o eliminou en 2010”. Ademais, lembrou que “sempre que os socialistas gobernan subcontratan a outros as políticas de igualdade: xa o fixeron durante o Goberno bipartito en Galicia, cando as deixaron en mans do BNG; e tamén o fixo Pedro Sánchez cando, para satisfacer a cota de poder de Podemos, deixou o Ministerio en mans da persoa máis dañina para os dereitos das mulleres”.
“Se realmente aos socialistas lles preocupan os dereitos das mulleres e a loita contra a violencia de xénero, e non só sacar algún rédito electoral desta cuestión, deberían recordar que seguen pendentes a aprobación da Lei de trata; a ampliación do concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra as mulleres contidos no Convenio de Istambul; a supresión da atenuante de confesión e de reparación do dano nos casos de violencia de xénero; a introdución dun listado non pechado de criterios de referencia da situación de risco; a modificación do Código Penal para considerar reincidencia cando o mesmo home cometera distintos delitos contra distintas mulleres; ou a comunicación do contido das ordes de protección aos puntos de coordinación para a súa anotación en VIOGEN”, explicou.