O presidente do PPdeG exemplificou hoxe, nunha visita xunto a candidatos ao Congreso e o Senado por Lugo ás instalacións do Grupo Jim Sports en Palas de Rei, no crecemento da Galicia interior no caso do concello de Palas de Rei e a comarca da Ulloa, vinculándoo á conxunción de “empresarios con ideas e administracións que apoian”
Francisco Conde: “O razoable é que Altri teña igualdade de condicións no acceso a fondos europeos e, por tanto, permitir a vertebración da provincia de Lugo desde o punto de vista industrial”
Pablo Taboada: “Este 23 de xullo temos a oportunidade de que haxa un galego na presidencia do Goberno que garanta por fin a chegada dos fondos necesarios para conseguir que o proxecto de Altri sexa unha realidade”
Sobre a situación do proxecto que Altri pretende poñer en marcha neste concello, Alfonso Rueda recordou que hai un ano que lle solicitou a Pedro Sánchez os fondos europeos necesarios para que a empresa puidera establecerse en Palas de Rei e xerar emprego en toda a comarca
“O único que pedía era un empurrón ao proxecto cos fondos europeos que a día de hoxe aínda seguen sen gastar e retidos no Ministerio de Industria sen que ninguén se poida beneficiar deles. Pero, a pesar de que o presidente me dixo que ía haber unha asignación inmediata, pasou un ano e seguimos sen saber absolutamente nada”, explicou
O líder dos populares galegos lamentou que o único que se ofreza desde o Goberno central a proxectos como este sexan “moitas promesas, moitas reunións e un empeño por complicar as cousas cada día aínda máis con burocracia e marañas de trámites”
Por iso asegurou que o 23 de xullo todo isto ten que acabar “para que comecen a facerse as cousas ben de verdade” e se ofreza axuda a quen queira crear riqueza: “Non pode ser que inversores que queren aportar moito capital para crear postos de traballo e que só piden beneficiarse dos fondos europeos non poidan facelo”
“Estanse perdendo oportunidades e, como demostramos desde o Goberno galego e en concellos como Palas de Rei, cando hai administracións dispostas a botar unha man e inversores dispostos a xerar riqueza, a poboación medra e beneficiámonos todos”, concluíu
FRANCISCO CONDE: “A APOSTA POLAS EMPRESAS É UNHA APOSTA POLA XERACIÓN DE EMPREGO E A FIXACIÓN DE POBOACIÓN”
O número 1 ao Congreso pola provincia de Lugo referiuse ao Grupo Jim Sports como “un caso de éxito desde o punto de vista industrial, pero tamén de creación de emprego, fixación de poboación no rural e capacidade para atender as necesidades da cidadanía por parte do concello que se beneficia deste éxito”
Conde reivindicou a liña de traballo do Goberno galego apostando polo éxito empresarial, con proxectos tamén radicados en Palas de Rei como o de Granja Campomayor – que vén de ser declarada como iniciativa empresarial prioritaria – ou Flytech: “Son proxectos que reflexan unha aposta pola Galicia industrial e innovadora, con iniciativas que xeran emprego de calidade e permiten a fixación de poboación no rural”
Referíndose ao caso concreto de Altri, lamentou que este proxecto non estea recibindo o mesmo apoio por parte do Goberno de España como o que ten recibido de Portugal: “O razoable é que Altri teña igualdade de condicións de cara ao acceso a fondos europeos e, por tanto, permitir a vertebración da provincia de Lugo desde o punto de vista industrial”
PABLO TABOADA: “ESTAMOS CANSOS DE PALABRAS E ESPERAS”
Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei contrapuxo o éxito colleitado polo Grupo Jim Sports co éxito que debería ter tamén Altri: “A nosa comarca e o noso concello están cansos de tantas palabras e de tanto esperar”
“Dunha vez por todas reclamamos que o Goberno central aporte os fondos necesarios para conseguir que o proxecto de Altri sexa unha realidade e que mellor oportunidade que este 23 de xullo cando haxa un galego na presidencia do Goberno que garanta por fin a chegada deses fondos”, subliñou