A secretaria xeral do PPdeG apuntou que este 23 de xullo os galegos teñen a posibilidade de converter estes anos de “desconexión de Pedro Sánchez con Galicia” na “desconexión de Pedro Sánchez coa Moncloa”.
Francisco Conde: “Xa non hai cabida para mais escusas para non rematar esta infraestrutura e poida ter, por fin, un impacto no territorio, no tecido industrial e na mobilidade dos lucenses”
Ethel Vázquez: “Estamos en mans dun Goberno que cando rehabilita viadutos, colapsan; que deseña trens que non caben polos túneles e que oculta información sobre o pago polo uso das autovías”
O número 1 ao Congreso pola provincia denunciou que a paralización do proxecto da A-54 está tendo “un enorme impacto negativo na mobilidade das familias e especialmente na competitividade do tecido produtivo e de todas esas empresas e autónomos que precisan esta autovía desde un punto de vista loxístico para mellorar o seu posicionamento”
“Xa non hai cabida para mais escusas para non rematar esta infraestrutura e poida ter, por fin, un impacto no territorio, no tecido industrial e na mobilidade dos lucenses”, asegurou
Francisco Conde engadiu que a decisión do Goberno de Sánchez de establecer peaxes nas autovías a partir de 2024 suporá “unha nova penalización para a competitividade e para o poder adquisitivo das familias”, por iso pediu que se aclare “cal é realmente a motivación desta decisión e cal vai ser o seu impacto”
ETHEL VÁZQUEZ: “O MALTRATO DO SANCHISMO ÁS INFRAESTRUTURAS DE LUGO ROZA O ASAÑAMENTO”
A responsable nacional de Infraestruturas do PP recordou que en marzo de 2018 –durante o Goberno de Mariano Rajoy– comezaron as obras deste último treito da A-54 e que se acordou que estiveran rematadas para o Xacobeo de 2021, pero “entrou Pedro Sánchez na Moncloa e as infraestruturas galegas e especialmente as de Lugo entraron nun proceso de letargo”
“A autovía A-54 é unha infraestrutura viaria estratéxica e fundamental para Galicia, pero é todo o contrario para o Goberno de Sánchez”, asegurou subliñando que a obra podería non estar rematada ata finais de 2024 ou principios de 2025
Sobre o pago das autovías a partir do próximo ano, Ethel Vázquez insistiu en que “é un compromiso que está en documentos oficiais do Goberno de España remitidos á Unión Europea” e que, polo tanto, cando a A-54 estea rematada, “os usuarios terán que pagar por circular por ela como consecuencia desta herdanza de Pedro Sánchez”
“Estamos en mans dun Goberno que cando rehabilita viadutos, colapsan; que deseña trens que non caben polos túneles e que oculta información sobre o pago polo uso das autovías”, resumiu
De aí que expresase o seu desexo en clave electoral: “Agardamos que a partir da próxima semana finalice este maltrato do sanchismo ás infraestruturas de Galicia que na provincia de Lugo xa case rozan o asañamento”
PAULA PRADO: “HAI QUE DESCONECTAR A SÁNCHEZ DA MONCLOA”
A secretaria xeral do PPdeG apuntou que este 23 de xullo os galegos teñen a posibilidade de converter estes anos de “desconexión de Pedro Sánchez con Galicia” na “desconexión de Pedro Sánchez coa Moncloa”
“Hai que desconectar a Sánchez porque nestes anos non demos pasos adiante, como di o seu slogan, senón dar pasos atrás e afastar aos galegos de poder ter unhas infraestruturas propias do século XXI”, afirmou poñendo como exemplo o atraso na chegada dos trens de Alta Velocidade ou o traspaso da AP-9
Paula Prado pediu aos galegos que, “votaran o que votaran no pasado e aínda que o PP non sexa o seu partido, valoren que Alberto Núñez Feijóo é a única alternativa de cambio en España e para Galicia”
E, neste sentido referiuse especificamente aos votantes do PSOE que “non entenden por que a autovía A-54 non está aínda rematada e por que a partir do 2024 van ter que pagar por viaxar polas autovías galegas”
Facendo un chamamento ao voto útil, a número dous dos populares galegos subliñou que o verdadeiro voto útil é o que se traduce en obter representación e non como ocorreu, por exemplo, na cidade de Lugo nas eleccións municipais
“En Lugo houbo pouco máis de 1.200 votos que se foron a outras formacións de dereita, que non se traduciron en ningún concelleiro pero sen embargo impediron que gobernase o PP na cidade e na Deputación. Máis ben o contrario: eses votos facilitaron un goberno do PSOE e o BNG en ambas administracións”, insistiu