O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento aos seus para que defendan os intereses de Galicia “por riba de calquera sigla e incluso das nosas”, insistindo en que os intereses dos galegos e da nosa Comunidade “son o primeiro”.
Unha afirmación que se produciu no marco da reunión do Comité Executivo dos populares galegos en Santiago de Compostela e nun momento que o presidente considera “clave para o presente e futuro de Galicia”, xa que, na súa opinión, a lei de amnistía “é só un avance de todo o moito malo que queda por ver”.
“Nunca antes na nosa historia tiveramos un presidente de España disposto a vender o Estado de Dereito e o deseño territorial que recolle a Constitución só para seguir manténdose no poder”, afirmou Rueda antes de poñer o foco sobre as voces discordantes dentro do PSOE respecto ás negociacións de investidura de Pedro Sánchez.
Neste sentido amosouse categórico: “Non hai nada máis democrático que alzar a voz para dicir alto e claro que ningún home, nin cargo, nin responsabilidade poden estar por enriba da igualdade dos españois”.
O presidente do PPdeG apuntou que “hai que ser demasiado ambicioso e ter moito ego para pensar que paga a pena todo o que está pasando por ser presidente do Goberno de España”, para acto seguido incidir no “rosario de cesións” por parte de Pedro Sánchez das últimas semanas.
O TRATO “DISCRIMINATORIO E INTOLERABLE” DE SÁNCHEZ A GALICIA
Citou así os 16.300 millóns de euros de débeda que se lle van a condonar a Cataluña, seguidos dun traspaso do servizo de Cercanías ferroviarias “cando en Galicia nin sabemos cando van chegar os trens Avril e vemos un maior impulso da conexión por Alta Velocidade con Portugal por parte do Goberno luso que por parte do Goberno de España e a un comisionado do Corredor Atlántico que só se reúne co empresariado galego para pedirlle contas do que el non fai”.
Puxo sobre a mesa tamén a contradición de que para o Goberno do Estado “caiba na Constitución unha amnistía e unha declaración de independencia pero non unha Lei do Litoral que foi aprobada polo Parlamento galego sen ningún voto en contra” e, así mesmo, a cesión ao País Vasco da caixa única da Seguridade Social “que é o máxima garante dun sistema de pensións igualitarias en toda España” a cambio de cinco votos.
Alfonso Rueda concluíu que “este trato discriminatorio é intolerable” e xustificou polo tanto as mobilizacións que onte se deron nas catro capitais de provincias galegas: “A quen considera inimigo de España e da democracia a todo aquel que o critique, hai que dicirlle que o único inimigo é aquel que o admite sen máis e acepta que todo vale a cambio de manterse no poder”.
Os máis 30.000 galegos e galegas que saíron onte á rúa na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra non son para o presidente do PPdeG militantes de ningún partido, senón “persoas que non están dispostas a quedar caladas ante a substitución da España que coñecemos por un réxime de intereses persoais e a costa do interese xeral”.
“Fronte aos partidos que se conforman con falsas promesas e que calan ante o que ninguén debería calar, os galegos non nos imos conformar. Este é o momento dos valentes e de dicir que non imos pasar por nada daquilo polo que queren que pasemos”, dixo como remate da súa intervención.