O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe “o marcado carácter lexislativo” que terá o Pleno do Parlamento galego da vindeira co debate para a aprobación da nova Lei de artesanía de Galicia e a toma en consideración do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
“Fronte á única preocupación que amosan desde o BNG e o PSdeG pola convocatoria das eleccións galegas, tanto o Goberno galego como o Grupo Popular seguimos traballando polo benestar dos galegos, co obxectivo posto na aprobación dos cinco textos lexislativos que se están a tramitar neste momento no Parlamento galego, entre os que figuran os orzamentos da Xunta para 2024”, indicou.
Respecto da nova Lei de artesanía de Galicia, Alberto Pazos lembrou que “actualiza a normativa vixente, que data de hai 30 anos, co obxectivo de modernizar e incrementar a profesionalidade e competitividade dun sector que figura entre os que máis contribúen a xerar a marca Galicia”. Entre as novidades que incorpora este proxecto lexislativo figuran a creación de zonas de especial interese artesanal, que conten cun colectivo artesanal activo e homoxéneo onde os oficios propios estean relacionados co territorio; a ampliación do número de artesáns existentes en Galicia, co obxectivo de superar os 1.200 en 2030; ou a incorporación da figura do Mestre ou Mestra artesá, coa que se distinguirá a excelencia e a traxectoria no ámbito profesional ou divulgativo.
PIONEIRA EN CULTURA INCLUSIVA E ACCESIBLE
Polo que respecta ao proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible, o portavoz popular salientou que “Galicia será pioneira en facilitar o acceso á cultura de todos os colectivos, eliminando calquera barreira física, cognitiva, territorial ou social”. Así, entre as medidas novidosas que incorpora este texto lexislativo figuran a preservación da venta en taquilla e non só on-line, cando o público así o precise; os descontos e gratuidades para facilitar o acceso nas propostas culturais impulsadas desde a Xunta; ou o uso de formatos móbiles e itinerantes co fin de garantir unha programación de calidade en toda Galicia, especialmente no rural.
Pazos apuntou que o texto deste proxecto de Lei “é froito dun traballo consensuado co sector e cos implicados, para o que se mantiveron reunións e se recibiron observacións de máis de 55 entidades”, que facilitaron a elaboración dunha nova que “presta especial atención a aquelas persoas que se atopan nunha situación de desvantaxe ou risco de exclusión cultural, tanto por residir en zonas do rural como por ter un déficit grave de recursos económicos, contar cunha discapacidade, estar en situación de desemprego ou ser vítima de violencia de xénero”.
“Estamos a falar de dúas novas leis que se suman aos tres proxectos lexislativos que neste momento xa están en tramitación no Parlamento galego: o de calidade alimentaria; o de orzamentos da Xunta para 2024; e o de medidas fiscais e administrativas que acompañan aos orzamentos”, indicou o portavoz popular. Neste sentido, subliñou que “son cinco leis en tramitación que dan boa mostra de que, tanto o Goberno galego como os deputados do Grupo Popular, estamos a traballar coa vista posta unicamente na mellora do benestar dos galegos”.
POLA SENDA DA NORMALIDADE E ESTABILIDADE
Pola contra, Alberto Pazos manifestou que “estamos a ver como tanto BNG como PSdeG están a deixar de lado as preocupacións dos galegos e ocuparse unicamente de solicitar a convocatoria de eleccións en Galicia”. “A súa falta de proxecto e a necesidade de tapar o seu apoio incondicional á investidura de Pedro Sánchez, coas concesións que supuxo para os independentistas cataláns, desde a amnistía ata a condonación de máis de 15.000 millóns de euros da débeda de Cataluña, obrígalles a centrar o seu interese nas próximas eleccións galegas”, dixo.
“Pola nosa parte, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Grupo Popular continuaremos a traballar para sacar adiante estes proxectos lexislativos, que nos permitirán contar cuns orzamentos habilitados para executar desde o 1 de xaneiro e seguir pola senda da normalidade e da estabilidade que, por sorte, vivimos desde hai anos en Galicia e que aspiramos a seguir gozando moitos anos máis”, incidiu.