O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe balance dun ano 2023 que cualificou de positivo e que, asegurou, pecha coa satisfacción do traballo ben feito grazas ás novidosas medidas sociais promovidas pola Xunta e que se traduciron nunha mellora da vida dos composteláns e de todos os galegos.
Neste sentido explicou que Galicia hoxe ten o calendario de vacinas máis completo do mundo, as persoas que coidan dependentes na súa casa van recibir un apoio adicional e merecido de 5.000 euros anuais, as familias con nenos terán un bono de 120 euros para facer fronte aos gastos deportivos e os autónomos beneficiaranse en 2024 da “cota cero”. Do mesmo xeito que os galegos teñen tamén máis diñeiro nos seus petos grazas ás rebaixas de impostos e as familias aforráronse este ano 2.000 euros grazas á gratuidade das escolas infantís.
Medidas todas elas para as que, tal e como indicou Rueda, é necesario contar cun Goberno que ofreza estabilidade e rigor e non un que se dedique a prometer unha cousa distinta a cada un dos partidos cos que ten que pactar.
Puxo en valor neste sentido que Galicia é unha illa de estabilidade e que os galegos saben valorar esa estabilidade, como así se demostra de forma maioritaria en cada convocatoria electoral. “Os galegos saben valorala, pero nós tamén temos que facela valer”, engadiu.
O líder dos populares galegos insistiu en que fronte á amnistía, á mutualización da débeda dos incumpridores e o “vale todo”, o PP será sempre un partido leal, cumpridor, con principios firmes e liñas vermellas que defenderá o rigor nas contas e na xestión.
Por iso, acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, animou a todos os presentes a seguir defendendo con orgullo o que é correcto, o que é bo para Galicia e para os galegos, sen dar nada por feito.
BORJA VEREA: “VOLVEMOS SER O PARTIDO GAÑADOR”
Pola súa banda, Borja Verea quixo agradecer, ante os máis de 500 asistentes ao acto, todo o traballo levado a cabo polos populares composteláns no último ano. Un esforzo que se viu recompensado cos bos resultados obtidos nas eleccións municipais: “Volvemos ser o partido gañador despois de 12 anos co 40% dos votos, e co dobre de concelleiros que o BNG ou o PSOE”.
Para o líder popular é fundamental esa forza, unha enerxía que “notamos día a día e que ademais vai crecendo, como se exemplifica neste pincho de Nadal, no que cada ano somos máis”.
“Non podemos esquecer que tanto aquí en Santiago nas municipais, como en España nas eleccións xerais, xuntáronse todos os perdedores para impedir un goberno do PP”, sinalou o líder local advertindo que “só nos vale a maioría absoluta porque eles non van ter escrúpulos en pactar con que faga falta”.
Por iso, e desde a humildade e o compromiso, amosouse convencido de que o PP volverá gobernar en Compostela “para levala ao século XXI e deixar atrás o pasado que representan o BNG e o PSOE”. Pero antes marcouse como obxectivo traballar para que Alfonso Rueda acade a súa primeira maioría absoluta.
E é que, para Verea, “non só temos o mellor candidato, senón que tamén temos o mellor presidente”. Así, deixou claro que Santiago estará aí para contribuír a que Rueda siga sendo o presidente da Xunta.
O líder local lembrou a relación que o une ao actual presidente da Xunta desde hai case 20 anos e pediu aos asistentes: “Deixádevos a pel e traballade como nunca para que Santiago sexa a punta de lanza desa gran vitoria que necesita Galicia, desa gran vitoria para o presidente Rueda”.