Alberto Pazos denunciou hoxe no Parlamento a falta de xestión dos fondos europeos por parte do Goberno de Pedro Sánchez, “dos que ten adxudicados só o 30% e a metade deles están sen convocar” en claro contraste coa eficacia e xestión eficiente do Goberno de Alfonso Rueda “que xa adxudicou o 90% das axudas asignadas a Galicia”.
O portavoz parlamentario recalcou o “habitual desprezo co que o Goberno central trata a Galicia e aos galegos, no que se inclúe a distribución dos fondos europeos” sinalando como exemplo dos últimos días a segunda convocatoria do Perte VEC no que o Ministerio de Industria e Turismo adxudicou tan só a metade do que tiña solicitado a planta de Stellantis en Vigo, só 20 dos 40M€ que pedira para o seu proxecto de vehículo eléctrico e conectado.
Nese sentido, Pazos sinalou que dos 33.000M€ de PERTES industriais que está a xestionar directamente o Goberno central, soamente ten adxudicados o 30% e, o que é máis grave, a metade destes fondos europeos están aínda sen convocar.
“En contraste, a Xunta xa adxudicou o 90% dos 1.097M€ de fondos do mecanismo de recuperación, que xa beneficiaron a 48.000 persoas e case 5.000 entidades e sociedades de ámbitos dispares, o que ven a asegurar que Galicia cumpre coa súa obriga de tramitar de forma áxil as axudas para que cheguen canto antes aos galegos”.
Nese sentido, o portavoz popular anunciou que o Grupo Popular solicitará, a través dunha iniciativa parlamentaria, a transferencia directa dos fondos europeos de Recuperación, en particular os do ámbito industrial, en cumprimento dos reiterados acordos adoptados no Parlamento galego.
Así mesmo, a iniciativa solicitará que Galicia poida xestionar, a través dun sistema de cooperación e cogobernanza, os fondos dispoñibles dos PERTEs, de xeito que se poida apoiar con maior axilidade e eficacia ás empresas galegas nos procesos de recuperación e transformación económica.
Para Alberto Pazos os fondos europeos representan unha excelente oportunidade para transformar o sistema produtivo de Galicia “e mostra disto foi o interese e empeño, desde o primeiro momento, do Goberno galego por xestionar con axilidade, algo que incluso foi recoñecido polo Goberno central, a través do propio Ministerio de Economía, ao situarnos como a comunidade autónoma de España con maior porcentaxe de execución dos fondos europeos de Recuperación”.
“Este feito demostra que Galicia está na mellor posición para reiterar a súa demanda de que sexan as comunidades autónomas as encargadas de xestionar directamente os fondos que aínda están pendentes de transferir ou sen asignar” indicou o portavoz parlamentario.
HABITUAL DESPREZO DO GOBERNO CENTRAL A GALICIA
Alberto Pazos lamentou na rolda de prensa o “habitual desprezo co que o Goberno de Pedro Sánchez trata a Galicia e aos galegos, polo simple feito de que non confían no PSOE e confirman, elección tras elección, o apoio ao PP como a opción que prefiren que continúe ao fronte da Xunta de Galicia”.
Nese sentido, sinalou que o Grupo Popular defenderá no Pleno da próxima semana cuestións de máxima prioridade e urxentes para Galicia como a mellora das conexións ferroviarias ou o traspaso de medios materiais e persoais necesarios para xestionar a nosa costa.