O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que cumpra os compromisos que asumiu de forma unilateral en materia de conectividade, tendo en conta as características orográficas e sociodemográficas das comunidades autónomas e permitindo o trasvase de fondos entre as liñas de financiamento recollidas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea.
O deputado popular Julio García Comesaña lembrou o compromiso asumido polo Goberno central de dotar á totalidade da poboación española de internet e telefonía móbil de calidade no horizonte de 2025. Para iso, conta actualmente con acceso a fondos europeos para o financiamento e posta en marcha de actuacións que incrementen a cobertura de redes de telecomunicacións, fixas e móbiles en todo o territorio español.
PROSPERIDADE
En concreto, García Comesaña explicou que o Goberno central conta para alcanzar este obxectivo co Programa de universalización de infraestruturas dixitais para a cohesión, coñecido como Programa ÚNICO, e máis de 4.300 millóns de euros de fondos dispoñibles cos que prevé acadar os obxectivos da axenda España Dixital 2025: levar a cobertura de redes fixas ultrarrápidas de máis de 100 Mbps a todo o territorio e unha cobertura 5G sen interrupcións nas zonas urbanas e grandes vías de transporte terrestre. “É unha capacidade económica inédita que non tiveron outros gobernos para dar resposta aos retos de conectividade de España, especialmente no ámbito do rural”, apuntou.
“O futuro dunha boa parte da prosperidade de Galicia depende de como o estado invista estes cartos, polo que temos que asegurar que eses fondos sexan ben investidos e permitan acadar o obxectivo de que en 2025 todos os galegos dispoñamos de acceso a internet de, polo menos, 100 Mbps”, sinalou.
Na súa intervención, o deputado popular considerou “necesario mellorar a xestión das actuacións promovidas polo Goberno de España, especialmente nesta etapa final dos despregamentos, para evitar que as zonas que actualmente teñen previsión de cobertura con algunha das convocatorias estatais queden finalmente sen cubrir por incumprimento dos obxectivos dos operadores”.
En concreto, puxo de exemplo o caso da aldea de Puxedo, no concello ourensán de Lobios, onde o Estado financiou a unha operadora para a dotación de fibra pero esta so levou o servizo ata a entrada da poboación, dando só acceso a 4 das 47 vivendas existentes neste núcleo.
MAIOR DESCENTRALIZACIÓN
“Levamos moito tempo reclamando unha maior descentralización dos fondos ante unha oportunidade única, como é disposición dos fondos Next Generation; ao tempo que pedimos o deseño dun plan especial para aquelas zonas illadas que presentan especiais dificultades de despregamento, como é o caso da aldea de Puxedo”, sinalou.
García Comesaña puntualizou que, “a día de hoxe, as comunidades autónomas soamente poden xestionar un total de 210 millóns de euros dos máis de 4.200 millóns dos que o Estado dispón para o programa UNICO, estando obrigadas a destinar este diñeiro unicamente ao reforzo da conectividade en edificios públicos, axudas para empresas en polígonos en zonas illadas, axudas para comunidades de veciños para dotar edificios de banda larga e bonos sociais para colectividades vulnerables”.
Así mesmo, o Grupo Popular aceptou incorporar á proposición non de lei a emenda presentada polo Grupo Socialista, a través da que se solicita que a Xunta poña todos os medios e recursos necesarios para que se poidan empregar ao máximo as achegas do Plan Único de conectividade financiado con fondos do Plan de Recuperación.