O Partido Popular de Galicia sitúa a defensa do sector primario, a xestión dos fondos europeos e o fortalecemento dos vínculos con Portugal como tres das principais prioridades da Comunidade na nova lexislatura do Parlamento Europeo.
Así o puxeron de manifesto esta semana os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez nas xornadas de estudo organizadas polo Partido Popular Europeo en Cascais, nas que participaron tamén o presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, e os 189 parlamentarios que integran o Grupo Popular na Eurocámara.
A familia popular europea –grupo maioritario no Parlamento Europeo– volveu reiterar así nestes días a súa disposición a facer seus os intereses de Galicia. De feito, os seus integrantes non dubidan en erixirse como 189 defensores de Galicia en Europa.
Facendo balance, o eurodeputado Francisco Millán Mon insiste na necesidade de acercar as institucións europeas á cidadanía e que as reformas e cambios que se impulsen desde Bruxelas “sexan graduais e teñan en conta as preocupacións e intereses dos cidadáns e dos sectores afectados”.
Unha cuestión na que tamén incide Adrián Vázquez referíndose de xeito específico ao sector primario: “Europa ten rectificar errores cometidos na pasada lexislatura e escoitar e defender aos gandeiros, agricultores e pescadores. Galicia non pode permitirse deixar de ser unha potencia mundial no sector primario”.
Os populares propoñen neste eido a creación dun comisario europeo específico para a Pesca, tal e como manifestaron durante a pasada campaña electoral e como referendaron tanto o presidente do Partido Popular Europeo, Manfred Weber, como a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.
FONDOS EUROPEOS E UNIÓN TRANSFRONTEIRIZA
Millán Mon subliña a importancia tamén de fomentar a industria en Europa, na medida en que crea emprego estable e de calidade e “corre o risco de quedar rezagada ante o crecemento do sector industrial en Estados Unidos e China”.
No que se refire aos fondos europeos, Adrián Vázquez explica pola súa banda que é necesario que “vaian alí onde se executan mellor”. E, neste sentido, enxalza os altos niveis de execución do Goberno galego nos fondos que dependen da Administración autonómica “a pesar do bloqueo constante por parte do Goberno de Sánchez”.
“Sánchez bloquea uns fondos importantes e necesarios para Galicia por mero interese político: prefire ofrecer financiamentos particulares a comunidades como Cataluña, que non cumpre e que está en bancarrota, en vez de a Galicia, que non só cumpre, senón que emprega os fondos para mellorar a vida dos galegos e non para organizar referendos ilegais”, explica.
Destacou tamén que, no tempo que leva como presidente autonómico, Alfonso Rueda “fixo máis pola unión de Galicia e Portugal que o que fixo Pedro Sánchez nos últimos seis anos”. Tal e como se puido comprobar esta semana co manifesto conxunto firmado entre o Goberno galego e o luso a favor da conexión por Alta Velocidade entre Vigo e a fronteira portuguesa.