O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia” o teito de gasto que mañá será sometido a debate no Pleno do Parlamento galego para a súa aprobación.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación enviando “unha mensaxe de cariño, de apoio e de solidariedade a todo o pobo venezolano, especialmente á comunidade venezolana en Galicia, que nestas horas difíciles está loitando por recuperar a democracia que lle queren substraer no seu país”. “E desde aquí quero dicirlles que non están sos, que estamos con eles e que os imos acompañar nese proceso de loitar pola súa liberdade e pola súa democracia, e que contan co respaldo absoluto do Partido Popular de Galicia”, indicou.
ESGOTA A CAPACIDADE DE GASTO
Respecto da convocatoria do Pleno extraordinario no Parlamento de Galicia para a aprobación do teito de gasto da Xunta para 2025, que terá lugar mañá, a partir das 13 horas, Alberto Pazos lembrou que ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Un teito de gasto sensato e acorde coa situación actual e as previsións económicas de Galicia para o vindeiro ano, e que esgota ao máximo a capacidade de gasto segundo a taxa de referencia autorizada polo Goberno central e que se calculou coas novas regras fiscais fixadas pola Unión Europea”, dixo.
“Con estes datos na man, estamos expectantes por coñecer a posición dos grupos da oposición e os seus argumentos para rexeitar este teito de gasto, que permitirá á Comunidade galega contar o vindeiro ano co maior investimento para optimizar a prestación dos servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda e favorecer o crecemento económico e a creación de emprego”, afirmou.
O portavoz popular subliñou que “Galicia volverá a cumprir escrupulosamente o recollido na Lei galega de disciplina orzamentaria, aprobando o seu teito de gasto en tempo e forma, do mesmo xeito que o Goberno galego traballará nas vindeiras semanas para elaborar os orzamentos da Xunta de 2025 e que sexan aprobados para a súa execución a partir do vindeiro 1 de xaneiro”.
Na súa intervención, Alberto Pazos referiuse ao feito de que a aprobación do teito de gasto en Galicia coincidirá “cunha nova falcatruada perpetrada polos socialistas españois, capitaneados por Pedro Sánchez, para perpetuarse no poder e, agora ademais, conseguir o apoio dos independentistas republicanos cataláns para facer a Salvador Illa presidente de Cataluña”.
CARTOS PÚBLICOS PARA CUMPRIR OS DESEXOS DE SÁNCHEZ
“Estamos a falar do acordo acadado onte entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña, un paso máis na ruptura de España que busca o independentismo catalán, que se están a aproveitar da debilidade do Goberno de Pedro Sánchez para conseguir todo o que desexan”, sinalou, para concretar que “primeiro foi a amnistía, agora teñen na súa man a independencia fiscal, rompendo o sistema de financiamento autonómico e dando pe a que existan españois de primeira e de segunda; e o paso definitivo será conseguir o referendo independentista, algo que a gran maioría de españois tememos moi probable no caso de que Pedro Sánchez continúe no Goberno de España e siga necesitando dos votos dos independentistas para manterse na Moncloa”.
Diante desta situación, Alberto Pazos incidiu que “desde Galicia imos seguir loitando, en colaboración coa gran maiorías das comunidades autónomas españolas, para que o Goberno de Pedro Sánchez deixe de utilizar os cartos de todos para cumprir os seus desexos, reclamando unha negociación multilareal do noso sistema de financiamento autonómico que atenda as necesidades específicas de todas as comunidades autónomas, baixo os principios de igualdade, equidade e solidariedade”.
“De pouco servirá que en Galicia sigamos cumprindo as leis e aprobando os orzamentos, un ano tras outro en tempo en forma, se despois o Goberno de Pedro Sánchez rompe unilateralmente o statu quo existente prexudicando as comunidades cumpridoras e beneficiando a aquelas cuxos votos lle son necesarios para seguir na Moncloa”, rematou.