“Menos mal que cando os galegos teñen que elixir entre este radicalismo ou o sentidiño do PPdeG, elixen sempre Partido Popular”, subliña
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou hoxe que o Bloque Nacionalista Galego “está sempre no lado incorrecto da historia”, tal e como demostrou esta semana co seu apoio ao réxime de Maduro en Venezuela a través dun comunicado e das declaracións de varios dos seus membros.
“O BNG está sempre no lado incorrecto da historia e só temos que repasar as súas decisións dos últimos meses para demostralo”, sinalou Prado, para a continuación poñer varios exemplos dos posicionamentos do independentismo galego: “entre Ucraína ou Putin, elixen Putin; entre democracia ou o comunismo, optan por comunismo; entre a dignidade ou contratar asesores condenados por terrorismo, prefiren o segundo, dixo en referencia a Pernando Barrena; e entre liberdade en Venezuela ou unha ditadura, quedan coa ditadura”.
“Menos mal que cando os galegos teñen que elixir entre este radicalismo ou o sentidiño do PPdeG, elixen sempre Partido Popular”, subliñou a secretaria xeral.
Sobre as eleccións venezolanas, asegurou que lle segue chegando a “indignación” co comunicado e a actitude do BNG, “tanto da comunidade venezolana como de moitos votantes do Bloque que xa teñen claro que non os van volver apoiar”.
“Agardamos que pronto chegue a liberdade. Desde a familia do PPdeG mandamos unha mensaxe de apoio a toda a comunidade venezolana de Galicia, da que tamén temos membros na nosa formación”, rematou.
PSOE-ERC: PACTO DA VERGOÑA
Paula Prado criticou que o BNG e o PSOE “seguen vagando sen rumbo entre independentismo e radicalismo” e, ademais das decisións do independentismo galego, apuntou ao “acordo da vergoña, un máis” entre o PSOE e Esquerra Republicana, que “nin moito menos é unha magnífica noticia como pretende facer crer Sánchez”.
“Non podemos acostumarnos a normalizar que decisións que nos afectan a todos, a toda España, a todas as súas comunidades e aos seus habitantes, se tomen en beneficio dunha soa persoa polo seu interese e a súa supervivencia. Temos que rematar con esta tolemia política”, abundou.
Por este motivo, a número dous dos populares galegos considera cada vez máis urxente a celebración dunha Conferencia de Presidentes, “onde máis dun presidente socialista lle terá que dicir á cara a Sánchez o que pensa”, e tamén considera cada vez máis urxente “que o presidente do Goberno se digne a recibir ao presidente Rueda”, tendo en conta que xa van máis de cinco meses desde as eleccións autonómicas e “segue sen haber noticias”.
“Galicia non vai tolerar nin a permitir que se rompa a igualdade. Isto non se pode normalizar”, concluíu.
GALICIA SEGUE FUNCIONANDO
Por último, a secretaria xeral celebrou que o Partido Popular de Galicia “segue aliándose con quen ten que facelo: os galegos e as galegas”, tal e como se demostrou esta semana coa aprobación dun teito de gasto para 2025, o máis alto da historia con de 13.954 millóns de euros, que garante un ano máis de estabilidade.
“Volvemos ser a primeira comunidade autónoma en telo, un sinal da seriedade e estabilidade que ofrece un Goberno do PP”, subliñou Prado, e fixo fincapé en que Galicia vai camiño dos décimo sextos Orzamentos autonómicos aprobados en tempo e forma, o que permitirá reforzar e modernizar os servizos públicos, axudar ás familias e ás empresas, impulsar as políticas de vivenda, e favorecer investimentos que apoien o crecemento económico.