O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025, unhas contas que acadan a cifra histórica de 13.953 millóns de euros e que “volven a situar a Galicia como unha illa de estabilidade en medio das turbulencias da política nacional”.
O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou que “xa van 16 anos consecutivos nos que o Goberno galego completa a tramitación desta ferramenta lexislativa, que da estabilidade social, política e económica á Comunidade galega”.
A modo de resumo, Pazos manifestou que estes orzamentos “blindan e melloran o benestar social dos galegos dedicando, por primeira vez, máis de 10.000 millóns de euros a consolidar a sanidade galega, o sistema de ensino público, un escudo social sen precedentes e fomentando a creación de emprego como nunca antes se tivera feito”.
UNHA GALICIA MÁIS XUSTA E COHESIONADA
“Pero tamén impulsan unha importante aposta pola vivenda, que nos leve a duplicar o parque público antes de que finalice a lexislatura, ao tempo que realizamos unha decidida aposta pola industria e a innovación, como motores de oportunidades e situándonos sempre ao carón dos nosos sectores produtivos”, apuntou o portavoz popular, quen subliñou que “todo iso construíndo unha Galicia máis xusta e máis cohesionada gracias a unha fiscalidade centrada en axudar a aquelas que máis o precisan”.
Porén, Alberto Pazos lamentou que na tramitación dos orzamentos a oposición “nunca falla ao seu encontro coa demagoxia, o tremendismo e a falta de rigor”, porque “cada ano voltan, co mesmo convencemento que o ano anterior, a repetir as mesmas críticas mil veces repetidas, os mesmos mantras mil veces escoitados e a facer as mesmas propostas mil veces rexeitadas polos galegos”.
En concreto, respecto á crítica da oposición de que é un orzamento pensado para os ricos, Pazos indicou que “nada importa que Galicia teña unha das mellores fiscalidades para rendas baixas de todo o Estado, nada importa que o 87,3 por cento das bonificacións fiscais previstas teñan un marcado carácter social e que beneficien á inmensa maioría dos galegos que máis o precisan”.
“Para a oposición galega, garantir unha educación gratuíta desde a escola infantil ata rematar os estudos universitarios ou de formación profesional é cousa de ricos; mellorar o programa de cribados preventivos ou converter o calendario de vacinación galego no máis completo do mundo son prebendas que só favorecen aos poderosos; ou facilitar o acceso a vivenda pública ou a compra dun vehículo de segunda man son medidas pensadas para beneficiar aos millonarios”, manifestou.
PENSADOS PARA A GALICIA REAL
Para rematar, Alberto Pazos asegurou que “son uns orzamentos pensados para a Galicia real, para todos aqueles que cada día se levantan pensado en como gañar un futuro mellor para os seus, en como dar a mellor educación aos seus fillos, en como prestar a mellor atención aos seus maiores, en como sacar adiante o seu pequeno negocio ou en como chegar con certa folgura a fin de mes”.
“Eses son os problemas reais que preocupan aos galegos e ao Goberno de Galicia, e eses son os obxectivos que conforman o orzamento máis alto da nosa historia”, concluíu.