O PPdeG reivindica Ourense como “o mellor exemplo das políticas sanitarias que está a impulsar o Partido Popular” no seu obxectivo de “acadar unha sanidade moderna, accesible e inclusiva que garanta o acceso a unha asistencia da máxima calidade a toda a poboación, con independencia de onde viva, da idade que teña e de cales sexan as súas circunstancias”.
Así o asegurou esta tarde esta tarde o responsable do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, en declaracións aos medios no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, antes de participar na reunión da Comisión de Sanidade do PPdeG –presidida pola deputada Encarna Amigo– na sede dos populares ourensáns.
Parada subliñou o desafío que supoñen, no caso concreto de Ourense, cuestións como a lonxevidade da poboación ou a dispersión poboacional. E de aí a aposta do Goberno galego pola renovación das infraestruturas da sanidade pública na cidade e na provincia. Puxo como exemplo a dotación ao CHUO dunha unidade de medicina nuclear que “evita o desprazamento de miles de pacientes a Ourense”, a posta en marcha dunha nova UCI ou a ampliación e renovación do hospital cun investimento que supera os 50 millóns de euros.
“Estamos a facer unha aposta moi forte pola sanidade ourensá, con máis de 672 millóns de euros de orzamento este ano”, concluíu sinalando que esta cifra supón un incremento do 4,34% respecto ao ano anterior e que este esforzo terá o seu reflexo non só na mellora das infraestruturas, senón tamén na mellora da asistencia sanitaria “cunha redución dos tempos de acceso que vén apreciándose xa desde mediados do ano pasado”.
Parada quixo tamén destacar que Ourense está a mellorar moito os tempos de espera sanitarios a pesar de condicionantes como o que supón a falta de profesionais sanitarios “que azota ao conxunto da sanidade pública en Galicia e en España e que en Ourense acada tintes moi preocupantes”.
De aí que chamase a atención sobre a necesidade urxente de que o Goberno de España “deixe de incendiar con Muface, con reformas sen consenso e outras polémicas ideolóxicas, e atenta á realidade sanitaria tomando medidas para paliar a falta de médicos”.
“Galicia leva tempo con iniciativas pioneiras para mellorar as condicións de traballo dos médicos e atraelos cara as prazas de difícil cobertura pero é imprescindible que o Goberno de Sánchez, que ten competencias, tome este problema en serio e actúe”, concluíu.
PAULA PRADO: “FRONTE Á PARÁLISE E O ALARMISMO DA ESQUERDA, A SANIDADE DE GALICIA É PIONEIRA”
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quixo agradecer publicamente a todos os profesionais “por facer da sanidade pública galega unha sanidade excelente”, tamén na cidade de Ourense e na provincia, e ao Goberno galego “por facer de Galicia unha comunidade pioneira que aposta por medidas arriscadas ao tempo que segue investindo en infraestruturas, tecnoloxía e reforzo do persoal”.
Destacou, por exemplo, o reforzo do control dos procesos de incapacidade temporal co que se detectou que en 2 de cada 3 casos –máis de 13.600 persoas– a baixa médica non estaba xustificada e recibiron a alta. Así mesmo, abordou as medidas aplicadas para reducir os trámites burocráticos para os pacientes.
En contraposición, fixo referencia á actitude dun BNG e dun PSOE que “só saben alarmar e ao final acábanse dando de fronte coa realidade” e que coa sanidade, como en tantos temas, son “os líderes da hipocrisía”. A número dous do PPdeG acusounos de ser “incapaces de apoiar calquera medida da Xunta pero despois son os primeiros que se poñen detrás dunha pancarta e saen á rúa a manifestarse”.
Por iso, subliñou, Galicia “ten que ser un modelo para o Goberno central”. Xa que “van 6 ministros desde que chegou Sánchez e ningún foi quen de tomar as medidas necesarias dentro das súas competencias”. De aí que solicitase publicamente á ministra de Sanidade que “se poña a traballar na parte que lle toca e atenda peticións como a de formar máis médicos de familia”.
MENOR DESTACA O COMPROMISO “REAL E EFECTIVO” DO GOBERNO DE RUEDA CON OURENSE
O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, pola súa banda, agradeceu á Comisión de Sanidade do PPdeG que escollera Ourense “para poñer en valor o compromiso real e efectivo do Goberno de Alfonso Rueda co fortalecemento da sanidade pública galega e que tanto os profesionais sanitarios, como os pacientes e os seus acompañantes gocen dos mellores servizos e unha atención de calidade”.
Nesta liña citou o investimento de máis de 50 millóns de euros para ampliar as instalacións do CHUO, o novo viario que facilitará a comunicación co complexo hospitalario a través da N-525, ou o futuro Centro Integral de Saúde de Ourense que atenderá a unha poboación de 130.000 persoas. Destacou tamén a colaboración institucional da Deputación de Ourense poñendo a disposición da Xunta os terreos situados ao carón do CHUO para o futuro centro de saúde de Mariñamansa.
As novas urxencias do hospital de Verín e os centros asistenciais de de A Rúa, Boborás e Muíños foron outros dos proxectos citados polo presidente do PP de Ourense, que “xunto ao esforzo constante por captar talento entre os profesionais sanitarios fan que a sanidade pública na provincia de Ourense medre en calidade, do que nos sentimos moi orgullosos”.