O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que presente de inmediato un Plan Director do Corredor Atlántico ferroviario que inclúa compromisos concretos, cifras detalladas e prazos definidos para a execución das obras.
Así mesmo, demándase que aclare a composición e funcionamento do grupo de traballo creado recentemente e, de ser o caso, garanta a participación da Xunta no mesmo; ao tempo que nomea, con carácter urxente, o interlocutor de Renfe coa Xunta, comprometido hai máis de oito meses, para informar das incidencias e avances en infraestruturas ferroviarias; e acelere os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal.
O portavoz popular de Mobilidade, Gonzalo Trenor, criticou que “a relación do Goberno de Pedro Sánchez con Galicia está marcada polos incumprimentos, polas deslealdades e polo trato desigual”, e puxo como exemplo a financiación autonómica, os recursos para a dependencia, o reparto dos PERTES para a industria, o control do lobo, a transferencia da AP-9 ou a condonación da débeda.
DÉBEDAS EN MATERIA FERROVIARIA
“Pero hai un tema que sobresae e é todo o que ten que ver co ferrocarril”, concretou o portavoz popular, quen apuntou que “son moitas as demandas que están sobre a mesa: desde que o AVE chegue a todas as cidades galegas, que os servizos existentes cumpran os mínimos estándares de puntualidade, que se recuperen os servizos suprimidos pola pandemia, que se incrementen as prazas, que se nomee ao interlocutor con RENFE ou que podamos ver xa o plan director do Corredor Atlántico”.
Gonzalo Trenor lembrou que, no caso do Corredor Atlántico ferroviario “estivemos anos pelexando porque se escoitase a Galicia e, despois, estivemos máis anos reclamando un plan director e un comisionado”. “Só cando o Goberno galego, o asturiano e o castelán-leonés convocaron en Santiago a máis de mil representantes da empresa, da universidade e dos colexios profesionais, o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o nomeamento deste comisionado”, lembrou.
Ademais, o portavoz popular manifestou que “todo o que imos coñecendo respecto ao Corredor Atlántico é moi pouco alentador para os intereses de Galicia, desde que a finais do pasado mes de xullo soubemos que volvemos a quedar fora, por segundo ano consecutivo, dos fondos europeos para este proxecto; ata que descoñecemos as propostas que presentou o Goberno de España ao mecanismo Conectar Europa; ou a novas sobre o abandono absoluto de Galicia no que respecta á planificación de diferentes actuacións”.
Para rematar, Gonzalo Trenor agradeceu que esta iniciativa “saíra co voto unánime de todos os deputados do Parlamento de Galicia”, aínda que augurou que “despois seremos nós, os deputados do PP, os que nos quedemos sos defendendo o Corredor Atlántico ferroviario”.