O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia non ten un problema de débeda senón de financiamento”, polo que lamentou que “mentres perdemos o tempo debatendo unha quita da débeda que só beneficia aos que peor xestionaron as súas contas, o señor Sánchez négase unha e outra vez a abordar o problema real da falta dun financiamento xusto para os que si fixemos os deberes”.
Alberto Pazos compartiu coa moción do BNG debatida hoxe na sesión plenaria a demanda ao Goberno central do pago das entregas a conta pendentes e a asunción dos sobrecustos causados a Galicia pola súa neglixencia. “Esta actuación dolosa e incluso revanchista do Goberno de Pedro Sánchez supón que Galicia deixe de ingresar 127 millóns de euros cada mes, aos que deberemos engadir uns 14 millóns máis en gastos financeiros ao remate do ano”, apuntou.
MUTUALIZACIÓN DA DÉBEDA
“O que resulta sorprendente é a súa teima en reclamar que o Goberno galego acepte unha proposta de quita da débeda que rexeitaría calquera párvulo con coñecemento básico de matemáticas e un mínimo de sentido común”, manifestou o portavoz popular. Así, incidiu que “a operación que se nos ofrece é unha mutualización da débeda deseñada para contentar aos socios parlamentarios do señor Sánchez a cambio de prolongar uns meses máis a súa estancia na Moncloa, sen ter en conta, en ningún momento, nin as necesidades, nin os intereses, nin a opinión de Galicia”.
En concreto, Pazos lembrou que a condonación proposta polo Goberno central suporía que a débeda de cada galego se incrementaría en 221 euros, xa que á rebaixa que suporía para a débeda da Comunidade autónoma (1.477 euros por habitante), habería que sumarlle o incremento que tería a débeda per cápita do Estado (1.698 euros). “Esta é a realidade do atraco que se pretende perpetrar ao peto de todos os galegos”, dixo.
DE CUARTA CON MÁIS DÉBEDA, A CUARTA CON MENOS
Alberto Pazos engadiu que “se nos acusa de que Galicia triplicou a débeda durante a crise, pero ocultan que pasamos de ser a cuarta comunidade autónoma con máis débeda na etapa do Goberno bipartito a ser a cuarta comunidade de réxime común con menor débeda”. “Gracias a esta xestión dos gobernos do PPdeG, Galicia non tivo que ser intervida, nin tivo que ser rescatada e mantivo ou seu autogoberno intacto”, salientou.
Para rematar, o portavoz popular indicou que, “como colofón a este disparate, os nacionalistas galegos insisten en reclamar un concerto económico que significaría o afundimento total da economía galega: entre 2.000 e 3.000 millóns de euros menos de ingresos por ano, segundo o puxo de manifesto o Foro Económico de Galicia”. “Unha vez máis, prevalece o ideolóxico sobre o lóxico, e os intereses da UPG sobre os intereses de Galicia”, subliñou.