Os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, fan balance do primeiro ano transcorrido desde a maioritaria vitoria do PPdeG nas eleccións europeas de 2024 destacando o alto grado de cumprimento dos compromisos electorais adquiridos con Galicia no eido da pesca, o sector primario ou a industria.
“O PP cumpre e, cando nós cumprimos, Galicia, España e Europa avanzan”, subliña Millán Mon citando como exemplos a creación dun comisario específico de Pesca ou o acordo ao que se chegou co Reino Unido para “garantir o acceso mutuo a augas ata 2038 e dar seguridade e previsibilidade aos nosos pescadores”.
No que se refire á agricultura, destaca tamén que, logo de conseguir a rebaixa do nivel de protección do lobo, os populares foron quen de “ofrecer maior protección ao sector gandeiro e devolver equilibrio ao medio rural”. Algo que, na súa opinión, foi posible grazas ao compromiso da nova Comisión Europea por “facilitar a vida” tanto ao sector primario como ao industrial.
A redución prioritaria da burocracia é para o eurodeputado pontevedrés unha boa mostra disto, tal e como se pode comprobar nos avances de cara á simplificación da PAC, na posposición dun ano do regulamento de deforestación ou no aprazamento das sancións por emisións ao sector da automoción.
Tamén en política exterior e na liña da defensa dos intereses de Galicia, Millán Mon pon en valor a acordo comercial ao que se chegou con Mercosur e a defensa da democracia e dos dereitos humanos en Venezuela que se fixo desde o Parlamento Europeo logo do “fraude electoral” protagonizado por Nicolás Maduro o pasado ano.
Como presidente do Intergrupo sobre Patrimonio Cultural Europeo, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas, celebra así mesmo a continuidade –por cuarta lexislatura consecutiva– desta asociación de eurodeputados.
CRISE ARANCELARIA, INDUSTRIA E TRANSPARENCIA ELECTORAL
Adrián Vázquez, pola súa banda, tamén celebra a consecución da rebaixa de nivel de protección do lobo “ata un nivel manexable e asumible para os nosos gandeiros e agricultores” e o compromiso da Comisión Europea na eliminación de burocracia tanto para a industria como para o campo.
Pero, sobre todo, salienta o apoio do seu partido ao sector vitivinícola fronte á actual crise arancelaria. Un apoio que volveu quedar demostrado coa recente visita a Bruselas de representantes das Denominacións de Orixe de viños galegos e que se ten materializado en axudas á produción e noutras medidas destinadas a garantir a competitividade e resiliencia do sector.
A designación da Mina de Doade como proxecto estratéxico para a autonomía da Unión Europea é tamén outro dos fitos que destaca o eurodeputado lalinense na medida en que, na súa opinión, incide na contribución da industria ao fortalecemento do Estado do Benestar e no desenvolvemento económico “fronte a aqueles que queren que volvamos a vivir en castros e pretenden eliminar calquera industria”.
Unha referencia implícita ao BNG que Vázquez explicita recordando a recente misión da Comisión de Asuntos Constitucionais do Parlamento Europeo para denunciar “enganos electorais” como o do independentismo galego coa súa papeleta compartida con ERC e Bildu: “Agora toda Europa sabe que nas eleccións europeas mentiron aos galegos e galegas obviando que ían da man cos herdeiros de ETA”.
Outro dos fitos deste primeiro ano foi, segundo recordan os eurodeputados galegos, o encontro que mantivo a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, coa presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, para trasladarlle as prioridades de Galicia.