O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a toma en consideración da proposición de lei de modificación da Lei do deporte de Galicia, “unha arquitectura normativa que combina prevención, educación, disciplina administrativa, acción penal e transparencia institucional e coa que Galicia se situará na vangarda do Estado no que respecta á loita contra a violencia no deporte e ao bo goberno das organizacións deportivas”, sinalou o deputado popular Argimiro Marnotes.
“Estamos ante unha reforma necesaria, oportuna e valente, que busca reforzar a protección do noso sistema deportivo e blindar a súa integridade fronte a dúas ameazas que non podemos ignorar: a violencia e a posible falta de bo goberno”, indicou o deputado popular.
Marnotes indicou que a normativa existente “necesitaba un paso máis: que a Xunta de Galicia poida exercer a acción popular en casos de violencia no deporte”. Así, dixo que “trátase de dar un salto cualitativo e pasar dunha administración que so sanciona administrativamente ou que da traslado ao Ministerio Fiscal, a unha administración que tamén pode estar presente no proceso penal defendendo o interese xeral do deporte galego”.
CON TODAS AS GARANTÍAS
En concreto, a través desta modificación da Lei do deporte habilítase á Administración da Xunta de Galicia a exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte. “E facémolo con todas as garantías, pois se establece expresamente que non se poderá exercer a acción popular se a vítima ou o seu representante legal se opoñen de forma expresa”, apuntou.
Un segundo eixo desta reforma lexislativa é a clarificación do réxime de prescrición das infraccións e das sancións en materia deportiva, “unha cuestión de seguridade xurídica, de confianza no sistema disciplinario e tamén de xustiza para os clubs, federacións e deportistas”, manifestou Argimiro Marnotes. Así, introdúcese un novo artigo que establece prazos claros e inequívocos para a prescrición das infraccións, regulando tamén como se computan estes prazos e como se interrompen.
COHERENCIA, EFICIENCIA E XUSTIZA
A reforma da Lei do deporte incorpora, ademais, a regulación da concorrencia de procedementos penais e administrativos nos supostos de violencia e condutas contrarias á orde deportiva. Deste xeito, a incoación dun procedemento penal non impedirá o inicio doutro procedemento administrativo polos mesmos feitos, pero ese expediente quedará suspendido ata que exista sentenza firme ou auto de sobresemento na causa penal.
Esta ampliación garante tres cousas: coherencia, xa que non haberá contradicións entre o que diga o xuíz penal e o que resolva a administración; eficiencia, evitando duplicidades e aproveitando o traballo xudicial para fundamentar a resolución administrativa; e xustiza, evitando que unha mesma persoa sexa sancionada dúas veces polo mesmo feito con idéntico fundamento.
Por último, a modificación da Lei do deporte inclúe a obriga de que todas as federacións deportivas galegas aproben un código de bo goberno, no que se recolla expresamente, entre outras cuestións, a prohibición de que directivos federativos teñan relación contratual, comercial ou familiar con provedores da federación; que o presidente dunha federación non poderá permanecer no cargo máis de tres mandatos; que se aproben sistemas de autorización de operacións con máis dunha sinatura; que se publiquen nas webs federativas documentos básicos, como o propio código de bo goberno, as actas da asamblea, extractos das reunións de xunta directiva e comisión delegada, e os calendarios deportivos; ou se garanta a igualdade de xénero.