O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que as emendas de totalidade presentadas polos grupos da oposición ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 “lonxe de sumar esforzos a esa gran obra chamada Galicia, aspiran a derrubar o construído e a entorpecer o que xa está en marcha”.
En concreto, Alberto Pazos cuestionou a BNG, PSdeG e Grupo Mixto se “consideran unha mala noticia que a renda media dos galegos se incremente ata máximos nunca alcanzados, que esteamos en mínimos históricos de pobreza ou que o fracaso escolar pasase dun 26 por cento a menos dun 10 por cento”. E apuntou se “non atopan esperanzador que teñamos un dos mellores calendarios vacinais do mundo, que unha familia galega poida educar aos seus fillos desde a escola infantil ata finalizar a universidade sen pagar un só euro de matrícula, ou que vaiamos a duplicar o parque de vivenda pública”.
“É lamentable que o debate da lei máis importante do ano non se sustente en datos, senón nun cúmulo de mantras e bulos, que conforman o fundamento das críticas da oposición e tamén das súas emendas á totalidade”, sinalou.
RIGOR E PRUDENCIA
Así, en primeiro lugar, negou que exista unha discriminación orzamentaria para Ourense, “xa que esta provincia experimenta este ano o maior incremento per cápita das catro provincias galegas”. Deste xeito, pediu “rigor con datos e prudencia á hora de arrogarse a voz dunha provincia que decidiu que quen mellor a representa é o Partido Popular, como o demostran os oito deputados do PP de Ourense no Parlamento galego”.
Alberto Pazos referiuse aos datos do informe FOESSA para negar que o Goberno galego fai política para os ricos e explicou que este documento “alerta dun deterioro sen precedentes na clase media, dun aumento da taxa de exclusión severa dun 52 por cento e sitúa a España como o país europeo con maior risco de pobreza infantil, despois de superar neste triste ranking a Rumanía”. “Os mesmos partidos que sustentan ao goberno responsable desta situación a nivel estatal atrévense a cuestionar a política do Goberno galego, que acaba de acadar a taxa de risco de pobreza máis baixa da historia de Galicia”.
“O Partido Popular sostén que hai servizos que se garanten mellor a través da prestación pública directa e outros a través da colaboración público-privada”, manifestou o portavoz popular, quen acusou á oposición de afrontar o debate da prestación dos servizos públicos “de xeito dogmático e demagóxico, chegando a afirmar que privatizar calquera servizo de atención aos maiores é facer negocio coa vellez”.
Neste sentido, lembrou que dos 35 concellos gobernados polo BNG, a gran maioría deles co apoio do PSdeG, 23 teñen o servizo de axuda no fogar privatizado, entre os que figuran Pontevedra, Santiago, A Rúa, Soutomaior, Carballo, Cangas, Moaña ou Tomiño. Por este motivo, afirmou que, “ben sexa por ignorancia, covardía ou cinismo, están totalmente desacreditados para dar leccións de moralidade sobre este tema”.
“Ademais, en Galicia nin se está recortando en sanidade nin se está privatizando a sanidade, máis ben ao contrario: investimos un 55 por cento máis que vostedes, e mantemos os concertos por baixo do 6 por cento que alcanzou o bipartito”, sinalou.
Para rematar, Alberto Pazos volveu criticar que BNG e PSdeG “pretendan unha vez máis endosarnos un timo chamado condonación da débeda”, porque reiterou que “a débeda non desaparece, simplemente xúntase para cambiar de banco”. “Iso si, en vez de que cada quen pague o que debe, nacionalistas e socialistas pretenden que paguemos a escote, e iso non é xusto”, concluíu.