O Partido Popular de Galicia esixe a dimisión da alcaldesa socialista de Salceda de Caselas pola manipulación dunha fotografía da que “fixo desaparecer ao PP” e anuncia que levará este asunto á Valedora do Pobo ao consideralo “un ataque á democracia e á vontade dos veciños”.
Esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acudiu a este concello acompañada pola secretaria xeral do PP na provincia de Pontevedra, Luisa Piñeiro, precisamente para trasladar o apoio e a solidariedade do partido ao seu voceiro neste concello, Santiago Rodríguez Davila.
“A manipulación e o borrado desta foto é un ataque á democracia, aos veciños de Salceda e a todos os votantes do PP”, afirmou Prado ao tempo que cualificaba estes feitos tamén “un insulto á intelixencia” co que se demostra que “a esquerda está disposta a todo con tal de manipular a realidade”.
Puxo así como exemplo o que está ocorrendo a nivel nacional coa corrupción do PSOE: “Intentan xustificala manipulando a información e culpando aos xuíces e aos medios de comunicación, pero ninguén asume ningunha responsabilidade”. Unha responsabilidade que tamén esixe á alcaldesa socialista deste concello en forma de dimisión “se non por rexeneración democrática, polo menos por vergonza”.
A secretaria xeral do PPdeG asegurou que esta manipulación amosa o “nerviosismo” da rexedora ante o feito de que o proxecto do PP “está chegando cada día a máis veciños e veciñas”. Recordou neste sentido que Santiago Rodríguez Davila gañou as pasadas eleccións municipais con máis de 2.400 votos e case un 46% de apoio.
“Aquí, coma noutros concellos, conformouse un pacto de perdedores que tivo como único obxectivo que non gobernara o PP”, lamentou a número dous dos populares galegos ao tempo que se amosaba convencida de que nos propios comicios Santiago Rodríguez Davila “será o alcalde e traballará por todos os seus veciños sen sectarismos e sen facer desaparecer ao resto da corporación”.
“NON ME BORRARON A MIN, BORRARON A MÁIS DE 2.400 VECIÑOS”
Foi o propio Santiago Rodríguez Davila o que anunciou que elevará un escrito á Valedora do Pobo para pedir “amparo” ante o que considera unha vulneración do seu dereito democrático a representar á veciñanza como membro da corporación.
“Eliminándome a min da foto están eliminando a un cargo público, a un concelleiro da corporación municipal e a un veciño que dá voz e visibilidade aos máis de 2.400 veciños e veciñas que lle deron o seu apoio democrático nas urnas”, asegurou.
O portavoz local do PP considera “indigno” que un Concello “se preste a facer este tipo de manipulacións” e denuncia que “a poboación non se ve representada por un goberno que censura, que amordaza e que pretende invisibilizar non aos concelleiros que conforman o grupo maioritario da corporación”.
“Agardo que este tipo de actuacións políticas non se reproduzan no futuro e teñan un castigo nas urnas nas vindeiras eleccións municipais”, declarou sen pechar a porta a tomar novas accións políticas e xudiciais no futuro.