O Partido Popular de Verín celebrou esta tarde un tradicional magosto no que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PPdeOU, Luis Menor, puxeron en valor a nova etapa que inician os populares verineses coa posta en marcha dunha xestora, presidida por Luisa Valladares, e que segundo afirmaron ten un gran desafío: “Conseguir que o PP de Verín sexa de novo a forza política máis representativa no concello”.
Na praza da Merced e coa asistencia de ao redor de 400 persoas, Paula Prado puxo en valor o éxito desta convocatoria que, segundo apuntou, dá boa mostra de por que “o Partido Popular é o partido de Verín e da provincia de Ourense”.
“O que se ve hoxe aquí é un equipo unido, con ganas de traballar por un Verín mellor e con proxectos que dan resposta ás necesidades reais dos veciños”, asegurou amosándose convencida de que isto quedará reflectido tamén nas urnas nas próximas eleccións municipais de 2027.
Así mesmo, a secretaria xeral agradeceu ao partido local que estea liderando reivindicacións como a denuncia da supresión das competencias de seis xulgados comarcais da provincia en materia de violencia de xénero, un deles en Verín.
Precisamente no día no que o partido conmemorou en Santiago o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, criticou que o Goberno central está a “apostar por dar pasos atrás” nesta materia. “Este é un ataque máis do Goberno de Sánchez á mulleres e á provincia de Ourense”, denunciou ao tempo que manifestaba que o PPdeG non vai consentir que se revitimice ás vítimas “obrigándoas a desprazarse ata unha hora para chegar á capital”.
“IMAXE DE UNIÓN, FORTALEZA E MOBILIZACIÓN DO PP”
Luis Menor expresou o seu orgullo ao comprobar a resposta da militancia e simpatizantes do partido a unha convocatoria “que vai máis aló dunha tradición”, senón que tamén se converte nunha oportunidade para “para dar esa imaxe de unión, fortaleza e mobilización que nos caracteriza”.
Para o presidente provincial, esta celebración ten aínda máis importancia en tanto que o PP de Verín inicia unha nova etapa coa posta en marcha dunha xestora que ten “un gran desafío: situar ao PP local no mellor posto de saída para recuperar a alcaldía e ser de novo a forza máis representativa na vida política verinesa”.
Ademais de agradecer o traballo dos anteriores equipos de dirección do PP local, Luis Menor pediu “todo o apoio” á xestora que preside Luisa Valladares, “porque grazas á política que facedes todos vós imos gañando en representatividade e situámonos en mellores condicións para gobernar”.
Na súa intervención tamén destacou o papel de mocidade, que conecta ao partido cos rápidos cambios que mudan a sociedade, poñendo en valor a recente creación dunha agrupación local de Novas Xeracións que “comparte valores e visión política, aberta, ampla, rural e tamén urbana, e que contribúe a mellorar o municipio”.
“QUEREMOS UNIR E RECUPERAR O ESPLENDOR DO NOSO MUNICIPIO”
Pola súa banda, Luisa Valladares afirmou que “Verín merece algo mellor, xente comprometida coa súa vila e, sobre todo, coa súa veciñanza”, incidindo en que estas persoas se atopan nun PP de Verín “cunha estrutura sólida e un programa cheo de ilusións”.
A presidenta remarcou que este proxecto “quere unir e recuperar o esplendor” do municipio. Ademais, salientou a importancia de contar coa xente moza, aos que no PP verinés lle dan “un gran protagonismo”, pois “serán as persoas do futuro”.