“Pasou o Mércores de Cinza, pasou o Entroido e, definitivamente, o BNG sacou a careta”, dixo, hoxe, o portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, tras a negativa do independentismo galego a votar a favor dunha iniciativa para condenar os actos vandálicos contra as sedes de partidos políticos.
Así, explicou que, na comisión parlamentaria, celebrada este pasado mércores –un día despois de producírense varios actos vandálicos contra as sedes do PPdeG, en Sada e Lalín-, debatíase unha proposición non de lei para amosar o rexeitamento a calquera acto de vandalismo cometido, non só contra as sedes do PPdeG, senón contra as de calquera formación política democraticamente constituída. Porque, tal e como insistiu, ante situacións coma esta, non vale calar nin poñerse de perfil: “Hai que mollarse e hai que dicir ben claro de que lado se está, a favor ou en contra da convivencia democrática e do respecto institucional”.
Recordou que os de Sada e Lalín non se tratan de feitos illados, xa que, previamente, sedes como as de Santiago ou Lugo tamén foran atacadas, e amosou a súa preocupación pola proliferación de pintadas, empapelados, da ocupación indebida de mobiliario e espazos privados públicos e privados e, tamén, polo incremento de consignas dirixidas a xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.
Ademais de condenar os actos de vandalismo, a iniciativa pedía que as forzas políticas se abstiveran deste tipo de prácticas e as condenaran publicamente, como expresión dun compromiso compartido co pluralismo político, o respecto institucional e o uso responsable dos espazos comúns.
E propoñía, tamén, reafirmar o compromiso coa defensa dunha participación política respectuosa co marco democrático e legal, baseada no diálogo, no respecto ás institucións e na convivencia cidadá; ao tempo que se pedía rexeitar a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non compren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social.
Tal e como denunciou Pazos, “os do non a todo, unha vez máis, votaron en contra” e lamentou que o Bloque perda unha nova oportunidade para “abandonar o radicalismo” e emprender, por fin, a senda da moderación e do respecto institucional.
MENOS TUITEAR E MÁIS TRABALLAR
Por outra banda, o voceiro popular afeoulle a actitude que o ministro de Transportes y Movilidad Sostenible ten con Galicia e instouno a traballar para corrixir o caos ferroviario, o pésimo estado da rede de autovías e estradas de titularidade estatal na nosa Comunidade e, tamén, para axilizar a posta en marcha da conexión por alta velocidade ente Vigo e Oporto. “O que lle diría é que deixara de tuitear e se puxera máis a traballar”, sentenciou.