O portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, instou, hoxe, ao PSdeG e ao BNG a que rompan o “pacto guarro” que permite que José Tomé siga como alcalde de Monforte de Lemos e como deputado na Deputación de Lugo.
O voceiro popular pediu que socialistas e independentistas aclaren se van seguir normalizando esta situación e apoiando politicamente a Tomé, unha vez que a Fiscalía presentou unha querela por un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública: “Xa non poden dicir que non hai denuncia no ámbito xudicial”. E é que tal e como apuntou, segundo a propia Fiscalía, hai indicios fundados de criminalidade.
Para Pazos urxe que José Tomé dimita de forma inmediata e que PSdeG e BNG asuman a súa responsabilidade: “Oxalá fosen quen de practicar a mesma coherencia que, con tanta facilidade, lle receitan aos demais”, sinalou.
“Estamos na semana do 8M, podería ser un bo momento para que racharan así con ese pacto guarro, ese pacto da vergoña e ese pacto da miseria”, sentenciou.
AS INICIATIVAS DO PRÓXIMO PLENO
De cara a próxima sesión plenaria, o Grupo Popular presentará unha iniciativa relativa ao desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica, xa que, tal e como indicou Pazos, as urxencias da industria galega seguen sen ser atendidas. Así, instou ao Goberno central a que deixe de discriminar a Galicia e axilice unha resposta ás necesidades dos proxectos que queren implantarse na nosa Comunidade, pero que, por falta de conexión, non o poden facer. Neste senso, incidiu na necesidade de coñecer a distribución territorial da nova potencia que vai estar dispoñible para o seu consumo.
Por outra banda, volveu pedir garantías para o sector primario galego e que se preserven os intereses dos nosos gandeiros e agricultores. Así, outra das cuestións que formularán será relativa ao acordo acadado entre o Goberno de Alfonso Rueda e as organizacións agrarias sobre o tratado UE-Mercosur. Neste punto, Pazos lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez continuase sen concretar que accións vai adoptar ante este escenario.
O Grupo Popular interesarase, tamén, pola recuperación das antigas instalacións da ETEA, en Vigo. E instou tanto ao Concello de Vigo como ao Consorcio da Zona Franca a que desbloqueen a sinatura do convenio coa Xunta, para o desenvolvemento do PS-1, isto é, o viario principal que vertebra todo o ámbito da ETEA, así como as conexións das redes de servizos.
Así mesmo, pediu á Administración central que adapte o proxecto da variante oeste de Caldas de Reis ás necesidades da veciñanza. Asemade, o portavoz do Grupo Popular dixo que solicitarán información sobre o programa PARTBIV, da consellería do Mar e impulsado a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).
Para rematar, Alberto Pazos informou da comparecencia, a petición propia, da conselleira de Política Social e Igualdade para dar conta das accións en materia de igualdade e do 8M.