A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, urxe ao Goberno de Sánchez e aos seus socios independentistas “medidas realistas e consensuadas” coas comunidades autónomas para paliar as consecuencias económicas que sofre o sector primario, derivadas do conflito de Oriente Medio. Deste xeito, reafirma o compromiso do PPdeG como “o partido do rural”, “aliado” de gandeiros, agricultores, pescadores e transportistas, que se ven “afogados con esta grave crise”.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante unha visita á cooperativa agraria Coafor, en Forcarei, onde estivo acompañada pola alcaldesa Belén Cachafeiro e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto.
Prado afea a Sánchez que “teña outras prioridades”, mentres noutros países de Europa xa teñen medidas en marcha ante esta crise global. Así, dende o PPdeG esíxese, entre outras iniciativas, impulsar rebaixas fiscais no IRPF, reducir o IVE da enerxía e eliminar determinados impostos enerxéticos. Todas estas iniciativas están encamiñadas a reducir esa “presión económica” que sofre o sector.
O CHEQUE EN BRANCO DO BNG
Neste sentido, e ante o Consello de Ministros previsto para este venres, Prado advertiu que os populares estarán “vixiantes” para que estas medidas “sexan consensuadas” coas comunidades autónomas, xa que son “as que realmente coñecen as necesidades do sector e manteñen o contacto cos afectados”. Así, criticou que en Galicia “aínda non sabemos nada” das posibles medidas que se debaterán este mesmo venres, afeando a “pasividade” de Sánchez.
Tamén fixo unha chamada de atención ao BNG e a súa líder, Ana Pontón, “que lle deu un cheque en branco a Sánchez para facilitarlle a presidencia a cambio de nada para Galicia”.
CAMBIO DE XESTIÓN EN FORCAREI GRAZAS AO GOBERNO POPULAR
Por outra banda, Paula Prado puxo en valor o traballo de Belén Cachafeiro en Forcarei, á que felicitou por facerse co bastón de mando neste concello o pasado mes de xullo, “facendo xustiza”. Lembrou que é unha das 31 mulleres alcaldesas do PPdeG que teñen o obxectivo de “traballar por e para os seus veciños”, máxime a pouco máis dun ano de celebrarse eleccións municipais.
Belén Cachafeiro amosou o seu orgullo de “facilitar o cambio de xestión” nun concello que, en sete meses de mandato popular acadou, entre outras cousas, reducir o período medio de pago de facturas a dous días e aprobar unhas contas coas que logran aumentar os servizos para a veciñanza. “Este traballo merece a pena para darlle un futuro ao noso rural, estando á altura e posibilitando que o noso concello non quede atrás”, sinalou.
Ademais, definiu ao seu equipo de goberno como “responsable, que escoita, entende e atende á xente”, especialmente ante crises como a actual, demostrando a identidade do PPdeG como “o partido do rural”.