O portavoz de Pesca e Marisqueo do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Fidalgo, interveu, hoxe, no pleno do Parlamento de Galicia para defender o “futuro do noso litoral, da nosa economía e da seguridade xurídica de milleiros de galegos”. E dixo que a modificación do Regulamento Xeral de Costas, proposta polo Goberno central, pon en risco a uns 25.000 empregos, cuxa actividade se desenvolve no dominio público marítimo-terrestre e que representa uns 3.700 M€.
Neste senso, recordou que o pasado 1 de marzo, o Executivo de Pedro Sánchez iniciaba unha consulta pública previa, alegando que Galicia estaba a cumprir un procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea. Pero, tal e como incidiu Miguel Fidalgo, a realidade é ben distinta, xa que se trata “dun plan para expulsar progresivamente toda actividade do litoral”. Ao tempo que engadiu, que pretende eliminar prórrogas extraordinarias e abrir a porta a revisar concesións vixentes.
Segundo o deputado popular, coa modificación do Regulamento de Costas, o Goberno central non está a cumprir con Europa, senón que está a “utilizar Europa como escusa para impor unha axenda que vai en contra da actividade económica e da presenza humana no noso litoral”. Así, advertiu dos riscos para a seguridade xurídica das concesións e para miles de emprego; e referiuse ás bateas, ás fábricas conserveiras, ás plantas de conxelado, ás depuradoras, ás instalacións de acuicultura, ás factorías de transformación de produtos do mar ou aos servizos portuarios.
UNHA BATALLA TRAS OUTRA CONTRA GALICIA
“Unha batalla tras outra podería ser o título da película que Galicia parece estar librando continuamente pola forma na que o Goberno de España lexisla contra a nosa terra”, dixo Miguel Fidalgo, tomando como referencia o filme gañador do premio Óscar deste ano. “O noso litoral –apuntou- non se pode decidir desde un despacho en Madrid sen contar con nós”.
Por iso, instou ao Goberno central a que actúe con transparencia, facilite información completa e posibilite a participación real das comunidades costeiras nunha reforma que lles afecta de cheo.
UN PROCEDEMENTO CHEO DE IRREGULARIDADES
Ademais de pretender modificar o regulamento sen revisar previamente a lei, o Executivo de Pedro Sánchez levou a cabo un procedemento de tramitación de urxencia cheo de irregularidades: “Só cando Galicia alzou a voz en Madrid e, tamén, en Bruxelas, pedindo amparo cun informe xurídico que acreditaba que a reforma era contraria a dereito, o Goberno rectificou”.
Criticou que a Administración central evite o debate nun tema que afecta a máis dunha trintena de concellos costeiros e que supón o sustento dos sectores da pesca, marisqueo, acuicultura, industria transformadora, turismo e hostalaría, “piares da economía galega”.
Para finalizar, dixo que, desde que asumiu as competencias en ordenación e xestión do litoral, Galicia tramitou máis de 900 expedientes, fronte ao Executivo central que os mantivo paralizados –preto de 140 levaban máis de 5 anos nun caixón e 194 seguen sen remitirse á Xunta: “Mentres uns bloquean, Galicia resolve”.