O PPdeG presentará varias iniciativas no Parlamento de Galicia e, especialmente, nas Cortes Xerais, para urxirlle ao Goberno central medidas que impidan que persoas condenadas por agresión ou abuso sexual a menores poidan volver a exercer funcións docentes en calquera etapa educativa, así como en calquera ámbito relacionado con menores.
Así se acordou hoxe nunha Comisión de Educación extraordinaria do partido, celebrada na sede autonómica con este único punto do día, tras a condena a 9 anos de cárcere por agresión sexual a unha menor para o ex deputado Xabier Ron, antiga man dereita de Yolanda Díaz na desaparecida Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Os populares cualifican estes feitos de “desprezables” e que se unen a outros casos cun denominador común: “A súa vinculación á esquerda radical”, subliñou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
A Comisión de Educación do partido, presidida polo coordinador de Educación, Ovidio Rodeiro e na que, ademais da secretaria xeral, tamén participou o responsable da área de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez, serviu para poñer en común a necesidade de ferramentas xurídicas ante casos de persoas condenadas por delitos relacionados con menores e que, ademais, traballan no ámbito educativo.
“Aínda que pareza que temos ferramentas para evitar que aconteza que calquera destes agresores poida volver a exercer funcións docentes, non as temos. Non hai medidas xurídicas suficientes”, insistiu a número dous dos populares galegos, que mencionou que o caso de Xabier Ron non é o único.
Neste sentido, fixo referencia a Martiño Ramos, tamén profesor e exlíder local de En Marea en Ourense, quen cumpre condena por violar a unha menor; Rosendo Fernández, que estivo en prisión por abusar dunha menor de 4 anos e que foi portavoz dunha plataforma polos dereitos das persoas con discapacidade, candidato á alcaldía da cidade por Ourense en Común e, despois, militante do BNG e PSOE, ou Ramiro Santalices, asesor de Yolanda Díaz en AGE, detido por posesión de pornografía infantil.
PAULA PRADO: “QUE LECCIÓNS DE FEMINISMO E DE PROTECCIÓN Á INFANCIA PRETENDE DAR A ESQUERDA?”
A secretaria xeral do PPdeG detívose no caso de Rosendo Fernández como o “exemplo máis claro” de que non existen ferramentas xurídicas para apartar a estes agresores do ámbito docente, incluso despois dunha condena. “Foi condenado e cando transcorreu o prazo para a cancelación dos seus antecedentes, non houbo ferramentas xurídicas que evitasen que volva a ter contacto co ámbito docente”, explicou.
Para Prado, todos estes agresores sexuais teñen un denominador común, a pertenza ao ámbito da esquerda, polo que se pregunta “que leccións de feminismo e de respecto á infancia nos poden dar aqueles que respaldan a este tipo de persoas”. Así, afea que líderes políticos coma Yolanda Díaz non se pronuncien nin fagan reflexións políticas ante casos de tal gravidade.
Neste sentido, tamén se pregunta que “tipo de proceso de selección” teñen políticos como Yolanda Díaz para que este “ramillete de delincuentes” se atope sempre no seu ámbito e lamenta que partidos como o BNG non se pronuncien ante as últimas novas, como foi o caso de Xabier Ron.
ROMÁN RODRÍGUEZ: “É DE SENTIDO COMÚN APARTALOS DUN AULA”
Por outra banda, Román Rodríguez cualificou de “lamentable suceso” os feitos polos que se condena ao ex deputado Xabier Ron, feitos “absolutamente desprezables e repugnantes”.
Para o responsable de Educación do Goberno galego resulta de “sentido común” que unha persoa destas características non deba estar nunca máis nun aula nin en contacto con menores, “nin na educación pública, nin na concertada nin na privada”, remarcou.
Rodríguez explicou que dende o Goberno galego e o PPdeG xa se están valorando diferentes vías para encauzar unha perspectiva xurídica e ferramentas que imposibiliten a presenza destes agresores nas aulas. Para o responsable de Educación, casos como o de Xabier Ron, xeraron unha “coincidencia xeral na sociedade”, polo que a Administración “debe tomar medidas ante a inquedanza cidadán”.