O PPdeG logrou hoxe no Senado aprobar o ditame da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade, que recupera a proposta orixinal do acordo unánime do Parlamento de Galicia sobre o traspaso desta infraestrutura, que se viu rachado por un novo texto pactado no Congreso dos Deputados por PSOE, BNG e Sumar.
A aprobación do ditame saíu adiante cos votos a favor do PP, sen o apoio do PSOE e BNG, que votaron en contra. O PPdeG, que xa lograra a aprobación de 7 emendas na devandita comisión, reafirmouse novamente como o garante de que se respecte o espírito do acordo acadado na Cámara galega, fronte a PSOE e BNG, que “traizoaron” a Galicia e que presentaron votos particulares coa pretensión de preservar o texto do Congreso e, deste xeito, “prexudicar a Galicia”, inciden os populares, os que esixen que a transferencia veña acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión, como se garante no texto aprobado por unanimidade na Cámara galega.
De feito, no transcurso do debate desta mañá no Senado, a senadora do PPdeG, Nidia Arévalo, comezou reclamando “respecto para Galicia”, despois de que “un acordo claro, unánime, sen matices, con garantías, con xustiza e sen custos ocultos”, acadado no Parlamento de Galicia, mudase, tras pactalo PSOE, BNG e Sumar, nunha “apariencia de transferencia” e unha “chapuza lexislativa” que “non ten nada que ver co que aprobou” a Cámara galega. O acordo que representaba a vontade das galegas e dos galegos “desapareceu”, e foi substituído por “outro moi distinto”, incidiu.
A senadora galega acusou a socialistas e nacionalistas de “blindar ao Estado” e “limitar as súas responsabilidades”, de tal xeito que “poida lavar as mans”, cando Galicia nin construíu, nin concesionou nin prorrogou a AP-9. O texto aprobado polo Congreso supón que “se Galicia quere baixar peaxes, paga; se Galicia quere ampliar descontos paga; se Galicia quere mellorar a infraestrutura, paga; se xorden problemas imprevistos, paga”, co beneplácito de PSOE e BNG, sinalou, a diferencia do que ocorre no País Vasco ou en Cataluña.
Ademais de eliminarse as garantías económicas, desaparece a obriga do Estado de asumir o custo dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión, desaparecen así mesmo as previsións sobre bonificacións adicionais e a obriga de asumir a supresión do incremento anual do 1% durante 20 anos, aprobada polo Goberno de Zapatero, e substitúese unha transferencia efectiva por unha negociación futura na Comisión Mixta.
“O risco é evidente” para Galicia, que podería afrontar unha factura de 4.000 millóns de euros, advertiu Nidia Arévalo, pero “non lles importa” a socialistas e nacionalistas, porque “non lles importan os galegos e as galegas”, senón unicamente os seus “intereses partidistas”. “Non queremos que nos trasladen a Galicia ningún risco”, insistiu a senadora popular, quen rexeitou o intento de PSOE e BNG de intentar trasladar a idea de que o PP rexeita a transferencia da AP-9. “O PP está a favor da transferencia a Galicia como se votou no Parlamento de Galicia unanimemente”, subliñou.
FALTA DE “VALENTÍA” DE PSOE E BNG
Fronte a un PPdeG que “está onde estaba”, José Manuel Barreiro expuxo a falta de lealdade e de coherencia de PSOE e BNG, por ter “empeorado” a proposta aprobada de xeito unánime polo Parlamento de Galicia, eliminando medidas “fundamentais”, sen ter a “valentía” de ofrecer ningunha “explicación”. “Exemplo claro de coherencia, exemplo claro de autogoberno e exemplo claro de compromiso con Galicia”, ironizou.
Por outra banda, José Manuel Barreiro acusou á portavoz do BNG, Ana Pontón, de “falsear” un informe da letrada do Senado, “meramente descritivo” do texto que remitiu o Congreso, durante a súa pregunta ao presidente da Xunta no Pleno do Parlamento de Galicia.