Os senadores do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, José Crespo e Nidia Arévalo, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar publicamente a “asfixia institucional” do Goberno de Pedro Sánchez a Pontevedra con proxectos no caixón, estradas en estado deplorable e recortes intolerables aos cidadáns.
Os representantes populares debullaron un mapa de promesas incumpridas, proxectos viarios conxelados e servizos públicos desmantelados que prexudican directamente a seguridade e o benestar dos cidadáns.
A senadora e portavoz adxunta do GPP, Nidia Arévalo, fixo fincapé no traballo parlamentario que se está a levar a cabo na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible para esixir un cambio de rumbo inmediato nunhas estradas nacionais cuxo estado cualificaron de “lamentable”
Ofensiva total no Senado contra un abandono viario “intolerable”
Arévalo lembrou que o GPP logrou aprobar unha emenda para esixir unha reforma urxente e inmediata centrada na mellora do firme da N-541 (Cerdedo-Cotobade), corrección de peraltes e acondicionamento de curvas perigosas. Así mesmo, reclamou recuperar os proxectos paralizados dos enlaces de Cutián e O Cádavo, adaptándoos sempre ás demandas reais do concello e da veciñanza.
Como alcaldesa do municipio, Arévalo denunciou tamén a grave deterioración do firme na N-550 ao seu paso por Mos, a sinalización deficiente e a falta de mantemento de marxes e cunetas que converten en zonas de alto risco para peóns e condutores a contornas como Louredo e Sanguiñeda. Esixiu a execución dos proxectos xa aprobados para protexer aos máis de 15.000 veciños afectados.
A senadora afeou os continuos adiamentos do Ministerio na N-120, no tramo por Ponteareas, cunha elevada sinistralidade e problemas de convivencia co tráfico pesado. Reclamou a licitación inmediata das obras e un calendario vinculante para eliminar este histórico punto negro.
Pola súa banda, o senador José Crespo sumouse ás críticas denunciando o abandono das vías da comarca de Deza. Detallou que a N-525 carece de mantemento recente no firme e que os parches por tramos na N-640 non son a solución. Ademais, censurou que o Goberno central teña rexeitado oficialmente por escrito proxectos estratéxicos como a Variante de Cadrón (N-640), a Variante da Estrada, a demandada Autovía Pontevedra-Lalín-Lugo ou o apeadoiro de pasaxeiros en Botos, a conexión da AP-53 en Bandeira coa N-525 e as cintas de precinto sobre Ponte Taboada, que leva máis dun ano pendente de facer as obras.
Perda de prestación públicas
A comparecencia serviu tamén para alzar a voz contra a perda de prestacións públicas cruciais na contorna dezana, o que supón un claro agravio comparativo con respecto a outras poboacións galegas.
José Crespo fixo especial fincapé nunha resposta oficial na que o Ministerio recoñece que non ten previsión de restablecer o funcionario desprazado da Tesourería Xeral (TGSS), un servizo esencial que funcionou entre 1998 e 2020.
O Executivo escúsase en que a TGSS “non conta con centro de traballo en Lalín”, obrigando aos veciños —moitos de avanzada idade ou mobilidade reducida— a viaxes innecesarias á Estrada para calquera trámite.
O Executivo central tamén rexeitou por escrito abrir unha oficina da Axencia Tributaria en Deza-Lalín. Do mesmo xeito, descartou o centro de exames de conducir malia que Lalín cumpre os requisitos técnicos, o que os populares consideran unha discriminación fronte a concellos máis pequenos como Foz, O Barco ou Monforte.
Un Imserso que illa aos maiores
Finalmente, os senadores populares criticaron con dureza o cambio de sistema imposto polo Ministerio de Dereitos Sociais nas viaxes do Imserso, extinguindo os convenios que permitían aos concellos xestionar directamente as viaxes.
“O Goberno de Sánchez dálle as costas á veciñanza do rural ao eliminar un servizo de proximidade e obrigar ás persoas maiores a reservar unicamente por internet ou axencias”, denunciaron, mentres sinalan que seguen agardando a que o Executivo responda por que se tomou esta polémica medida.
Os senadores do PP reafirmaron o seu compromiso de continuar batallando con firmeza dende o Senado para esixir os investimentos e os servizos que lexitimamente merece a provincia de Pontevedra.